Site icon Crónica3.com A Mariña

Economía e Industria resalta a importancia da seguridade industrial na mellora competitiva do tecido empresarial galego

A Coruña, 20 de novembro de 2014.- O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, resaltou hoxe a importancia da seguridade industrial como chave para incrementar a mellora competitiva do tecido empresarial galego. Así, durante a súa intervención na entrega do II Premio Asgoca de Seguridade Industrial, Bernardo Tahoces destacou a necesidade dun galardón que ten por obxectivo “por en valor a seguridade industrial como un instrumento de impulso da competitividade do tecido industrial galego”.

Neste contexto, o director xeral de Enerxía e Minas resaltou o labor que están a desempeñar neste campo as dúas empresas galardoadas este ano: Benteler Automotive Vigo, na categoría de máis de 250 empregados, e a Queserías Entrepinares, na de menos de 250 traballadores.

“Estas dúas empresas son un claro exemplo de que non estamos a falar só dunha serie de trámites a cumprimentar no eido dos recursos humanos, senón que se trata dunha actuación integral que permite optimizar todos os recursos no ámbito laboral”, sinalou Bernardo Tahoces, quen resaltou que “por fortuna en Galicia existen centos de empresas que merecerían este premio”.

Neste sentido, o director xeral sinalou o peso e o traballo do sector industrial galego, motivo polo que a Xunta desenvolve unha política industrial encamiñada a incrementar a súa competitividade.

Así, a Consellería de Economía e Industria está a desenvolver este ano un novo plan de seguridade industrial, o terceiro destas características que se realiza en Galicia, permitindo tanto á dinamización do tecido industrial como á detección temperá de condicións de risco, e a implantación de medidas preventivas. O programa contempla 775 inspeccións co obxectivo de poñer en valor a seguridade no traballo como parte fundamental dos procesos produtivos que desenvolven as compañías galegas.

Bernardo Tahoces, que estivo acompañado polo presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla, e pola presidenta da Asociación Galega de Organismos de Control Autorizados (Asgoca), Ana Cupeiro, subliñou a necesidade de desenvolver políticas adecuadas de seguridade industrial. Un esforzo levado a cabo desde a unidade de acción con Asgoca e que, segundo explicou, ten permitido xa a realización de máis de 1.200 inspeccións nos últimos tres anos.

Exit mobile version