Site icon Crónica3.com A Mariña

Entregados os diplomas aos 11 participantes do curso gratuíto “Deseña o teu plan de negocio”

Entrega diplomasLugo, 21-11-14.- A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e a presidenta e a vicepresidenta da Asociación de Mulleres Empresarias da provincia de Lugo (AELU), Beatriz Varela e Juana Eiroa, entregaron hoxe os diplomas aos 11 participantes do curso gratuíto Deseña o teu plan de negocio. Trátase dunha acción formativa financiada polo organismo provincial a través dun convenio con AELU, dirixida a desempregados lugueses que teñan unha idea de negocio, para impulsar o papel emprendedor.

No acto, Méndez subliñou que “esta actividade formativa enmárcase dentro da aposta da institución provincial por impulsar o autoemprego e o espírito emprendedor dos lugueses, xa que contribúe a buscar novas vías de futuro para toda a provincia”. A Vicepresidenta Segunda tamén fixo fincapé na “estreita colaboración” entre a Deputación e o colectivo lucense, destacando iniciativas postas en marcha en conxunto como o Banco de Tempo, un portal virtual que busca favorecer a colaboración entre mulleres e emprego, “nun momento no que o número de parados ascende na provincia a 23.708”, concluíu Méndez.

Un obradoiro gratuíto para fomentar o espíritu emprendedor
Este obradoiro, completamente gratuíto para os 11 participantes, celebrouse na aula de informática do Fogar de Santa María, dende o pasado día 3 de novembro ata o día de hoxe. Deseña o teu plan de negocio, que tamén se está a desarrollar en Viveiro, ofreceulle aos participantes 50 horas de formación en aspectos como o plan de empresa, as estratexias para a busca de financiamento, as características do mercado ou a descrición dos produtos e servizos que unha empresa debe ofrecer.

Exit mobile version