Site icon Crónica3.com A Mariña

Espazo Ecosocialista concreta as súas propostas unitarias en Europea, Estado e Galicia para a próxima etapa de ruptura democrática

O Consello Aberto [Nacional] de Espazo Ecosocialista aprobou por unanimidade onte a declaración ‘Continuar o Camiño’, coincidindo co 3º aniversario ‘Decálogo Ecogaleguista’ do que xurdiu esta formación.

A declaración recorda que ese momento constituínte de Espazo “faciámolo coa vista posta no 15M, como referente simbólico, e despois da experiencia da Iniciativa Ben Común, conscientes de que entrabamos nun episodio político de cambio que requiría de novos instrumentos políticos plurais e democráticos na esquerda. Reafirmamos a necesidade dun espazo político da esquerda galega verde e renovadora.”

Para Espazo “o resultado das pasadas eleccións europeas abriron definitivamente o tempo constituínte que nos levamos anunciando como necesario e do que queremos participar con outras mulleres e homes no conxunto do Estado e en cada unha das nacións que o compoñen.”

Segundo os ecosocialistas do que se trata agora é de colocar no centro da axenda política as demandas democráticas. Da coordenada social necesitamos extraer os elementos programáticos para que o proceso constituínte sexa un proceso de cambio real e na profundización do estado de benestar. Da coordenada nacional necesitamos vertebrar unha maioría de soberanismo cívico que permita corrixir a eiva do anterior proceso constituínte: a ausencia de Galicia como suxeito político nacional no mesmo para asegurar o seu máximo autogoberno e o dereito a decidir.

Para Espazo máis aló da coincidencia ou non co seu ideario aínda indefinido en temas centrais, coa súa vertebración cada vez máis próxima a un partido clásico ou coa súa confusión entre partido e proxecto (evidente na vertebración plurinacional do instrumento de cambio), Podemos foi situado polos electores como o principal instrumento vertebrador do proceso de cambio e polo tanto necesitamos entendelo, igual que fixemos no seu día co 15M, máis pola súa musica que polas súas letras; pola súa dimensión simbólica.

Igualmente a cidadanía galega necesita dun instrumento forte que, sen posicións esencialistas, participe con voz propia nun proceso cooperativo de cambio dende a esquerda.

Segundo o Consello Aberto “o resultado do debate da última Asemblea de Anova da un paso importante na procura de novos paradigmas; polo que se abren posibilidades para explorar procesos de confluencia, noutro momento imposíbeis, sen dubida necesarios, para fortalecer ese polo nacional e de soberanismo cívico.”

A declaración contempla cinco propostas resolutivas:

– Espazo Ecosocialista participará no cumio de partidos das esquerdas e verdes do Sur de Europa, a celebrar o 24 de xaneiro de 2015 en Barcelona, para construír unha alternativa política democrática común necesaria para os nosos pobos.
– Propor ás forzas da esquerda renovadora doutras nacións do estado: ICV, MES, Compromis, EKI-Ibatzarri, Chunta Aragonesista,… a necesidade de refundar Espazo Plural co fin de converte-lo no interlocutor preciso das esquerdas soberanistas nun diálogo estábel e permanente con Podemos, na medida en que lle corresponde vertebrar o espazo plural de cambio que se pode definir no próximo ciclo electoral.
– Priorizar no traballo na vertebración de Iniciativas Cidadás, entendidas como a expresión máis ampla de unidade democrática e ferramentas de vertebración democrática de esquerda. Ir concretando a nosa participación nas mesmas, tendo en conta o programa de cambio, a participación cidadá e a súa dimensión, a metodoloxía participativa aberta e a vertebración como forzas políticas que aseguren a continuidade despois das municipais e a súa actuación como proxecto unitarios. Participación e cooperación que pasa pola renuncia a presentar candidatos elixidos por Espazo como tal.
– Traballar para avanzar na construción dun proxecto político e orgánico da esquerda nacional para o novo tempo sustentado nunha nova cultura política. Abrir un diálogo sincero e aberto coas persoas e colectivos para testar as posibilidades reais de procesos de converxencia que permitan crear unha forza galega da esquerda renovadora soberanista e verde.
– Fortalecer Espazo, ao calor da campaña do 3º aniversario do ‘Decálogo Ecogaleguista’ tanto na súa capacidade de influencia (proposta política) como de incidencia (crecemento afiliativo).

Exit mobile version