Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz acolle o sábado unha charla sobre o plan xeral de normalización lingüística

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüísitica, Marcos Maceira, dará unha charla o sábado 29 de novembro, ás 18.30 horas na Casa da Cultura de Foz.

Marcos Maceira falará do nivel de cumprimento dos obxectivos e medidas do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL) aprobado por unanimidade hai 10 anos.

A elaboración deste Plan Xeral respondeu a un proceso aberto e participativo no que colaboraron case mil persoas de diferentes ámbitos e foi asumido polo conxunto das forzas políticas galegas: grupos políticos, técnicos, especialistas dos diferentes sectores e representantes da sociedade que chegaron a un acordo amplo, unánime, que debía constituír un punto de partida para avanzar na normalización.

Porén, nestes dez anos produciuse un retroceso sen precedentes no número de falantes, desaparición da lingua galega da Educación Infantil das cidades, vulneración de dereitos lingüísticos e cidadáns.

A Mesa pola Normalización Lingüística considera necesario retornar ao consenso de 2004, así como un compromiso explícito e efectivo co PXNL por parte do goberno e actuacións lexislativas que desenvolvan o contemplado nas medidas acordadas neste e derrogar todas as disposicións legais contrarias ao PXNL, nomeadamente as relacionadas co ensino e coa admisnitración.

A Mesa pola Normalización Lingüística elaborou un informe onde avalía os incumprimentos dos obxectivos e medidas do Plan: http://www.amesanl.org/gl/mediateca/dir/mediateca/Informe+avaliaci%C3%B3n+PXNLG

Exit mobile version