Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia e Raquel Arias supervisaron este venres o inicio das obras de acceso ao porto de Burela

211114 Foto obras porto 1Burela, 21 de novembro de 2014.- O alcalde, José Mª González Barcia, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, supervisaron esta mañá o inicio das obras de acceso ao porto nas que a Xunta investirá 7,5 millóns de euros. O rexedor asegura que se trata dunha infraestrutura fundamental para Burela.
González Barcia explicou que “estes días son importantes para Burela porque comezan as obras de acceso ao porto do noso concello. Unha obra demandada por Burela, demandada pola propia actividade portuaria, e unha obra que ten pasado por varios atrancos e que por fin, coma veño dicindo nos últimos días, desta vai. É un investimento importante, estamos falando de 7.500.000 euros financiados integramente pola Xunta de Galicia, e dunha obra que ten un prazo de execución de 18 meses. Aínda que eu entendo que tendo en conta a partida presupostaria que figura nos presupostos da Xunta para o próximo ano, que son 6.120.000 euros para esta obra, a finais do próximo ano ou a comezos de 2016 podería estar a obra completamente acabada”.

O alcalde burelés sinalou que “hoxe comeza unha obra demandada, necesaria e que é fundamental para Burela, pero que é unha obra dunha infraestrutura básica. Hai que ter en conta que o discorrer da obra vai depender bastante da meteoroloxía. Se ven un inverno bo, a obra irá cun pouco máis de celeridade e se ven un inverno malo e duro, probablemente a obra sufra algún atraso porque loxicamente hai que facer moita escavación de terreo e trátase dunha zona que non se caracteriza precisamente pola súa consistencia”.

José Mª González Barcia recoñeceu publicamente “o cumprimento do compromiso adoptado no seu día polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, así coma pola propia Xunta de Galicia, de que a obra do acceso ao porto de Burela ía a ser unha realidade máis cedo que tarde. Creo que o compromiso do presidente da Xunta queda perfectamente palpable e perfectamente recoñecido nesta obra, e se hai que destacar tamén a algunha persoa que se teña comprometido coa obra do acceso ao porto, é indubidable que o actual alcalde de Santiago e anterior conselleiro de Medio Ambiente, Transportes e Infraestruturas, Agustín Hernández, ten moito que ver en que esta obra poida ser xa unha realidade. Tamén, a actual conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, que no seu día foi directora xeral de Infraestruturas. Polo tanto, a partires de agora só queda esperar que a ser posible o inverno veña bo ou que polo menos permita traballar cunha certa comodidade para que as obras leven un ritmo necesario e suficiente para que poidan ser unha realidade canto antes”.

Ao acto desta mañá asistiron varios membros do equipo de goberno do Concello, representantes do sector pesqueiro e da Capitanía Marítima Provincial, ademais de veciños da vila.

Exit mobile version