Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia mantivo un encontro en Madrid coa presidenta de Mujeres en Igualdad España

Burela, 12 de novembro de 2014. O alcalde, José Mª González Barcia, mantivo, en Madrid, unha xuntanza coa presidenta de Mujeres en Igualdade España, Carmen Funes, que ademais é senadora. Na reunión analizaron as posibles canles de colaboración coordinada entre este colectivo, o Concello e a asociación burelesa Bumei na prevención da violencia de xénero. Funes acudirá a un seminario que terá lugar en Burela o vindeiro 24 de novembro.

O rexedor explicou que “o motivo da reunión foi fundamentalmente, tendo en conta que o Concello de Burela está realizando un traballo máis que serio no tema de igualdade e de prevención de violencia de xénero trátase, foi buscar canles de colaboración entre Mujeres en Igualdad España e o propio Concello. Ademais Mujeres en Igualdad Burela está facendo un traballo moi importante, porque se hai algunha asociación que traballe na Mariña é esta”.

González Barcia dixo: “tendo en conta que o día 24 haberá un seminario sobre violencia de xénero en Burela e ao que vai vir precisamente Carmen Funes quixemos empezar un contacto fluído entre o Concello e Mujeres en Igualdad Burela, de forma coordinada, e Mujeres en Igualdad España aparte de colaborar con asistencia técnica, transmisión de información, etcétera. Ver tamén as posibilidades que pode haber para acollerse a algún liña de subvencións da administración do Estado ou incluso da Unión Europea para actuacións en materia de igualdade e de prevención de violencia de xénero”.

O alcalde burelés indicou que “este é un camiño que non se explorara antes e nese sentido teño que recoñecer publicamente o traballo que se está facendo desde a delegación de Servizos Sociais, con Diana Durán, e desde Mujeres en Igualdad Burela, que preside Mari Fraga. Estase buscando a maior colaboración posible entre o Concello e Mujeres en Igualdad, como non podía ser doutro xeito evidentemente, e o paso que se deu onte é ampliar os obxectivos porque se podemos ter acceso a algunha liña de financiamento que non se explorara ata o momento evidentemente esa axuda económica será benvida, porque sen diñeiro é moi difícil facer cousas, practicamente imposible. Pero non soamente no referido á cuestión económica senón tamén en canto á asesoría técnica de persoas que están postas na materia e que son autoridades de recoñecido prestixio a nivel nacional”.

José Mª González Barcia insistiu en que “o día 24 de novembro teremos a primeira mostra de cómo se pode levar a cabo esta colaboración, pero non debe quedar cinguida a ese día senón que debemos buscar ámbitos de colaboración máis amplos e longos no tempo”.

Á reunión celebrada onte á tarde en Madrid, no Senado, entre Carmen Funes e José Mª González Barcia tamén asistiu o portavoz do grupo popular no Senado, José Manuel Barreiro.

Exit mobile version