Cervo, 14 de novembro de 2014- O edil de Deportes, Luis Guillén, aconséllalle ao voceiro do BNG que “non se poña nervioso”. “Só lle pedimos ao señor Estúa que explique por que apoia a mellora do campo de fútbol de Monterroso dende o seu sillón de asesor do BNG na Deputación, pero critica a mesma obra no seu propio concello”. Para Guillén resulta “preocupante” que Estúa “cobre 24.000 euros de cartos públicos por defender as instalacións deportivas doutros concellos e por despreocuparse das de Cervo”.
Guillén considera que “para o señor Estúa os deportistas de Monterroso son de primeira, e os de Cervo de segunda”, e por iso para o portavoz do BNG, “Monterroso merece un campo en óptimas condicións mentres en Cervo os xogadores terían que confiar en que o inverno non fose chuvioso nin húmido para ter un campo que aínda así nunca estaría en perfecto estado a pesar dos elevados custos de mantemento”. “Non deberían ser todos os concellos iguais para o BNG? Non deberían ter todos os deportistas da provincia as mesmas posibilidades?”, pregunta Guillén.
Da mesma maneira o edil lémbralle a Estúa as “tarefas pendentes” que ten o voceiro nacionalista cos cervenses. “Gustaríanos que o seu cargo de responsabilidade na Deputación se notase en Cervo, aínda que só fose unha soa vez en catro anos”, engade o edil en referencia á ampliación do Museo do Mar.