Site icon Crónica3.com A Mariña

Inxección de motivación aos participantes en Véndete para emprender!, que acolleu a Deputación

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, inaugurou este mércores no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a xornada gratuíta Véndete para emprender!, impartida por Felipe García Rey, “coach” profesional e formador. Un cento de persoas participaron nesta charla motivacional, organizada pola institución provincial coa colaboración do Grupo Acción Consciente.

Méndez subliñou o “profundo compromiso que a Deputación ten co desenvolvemento de políticas dirixidas a reactivar o mercado laboral”, lembrando algún dos programas de inserción laboral postos en marcha pola Deputación, como o Pacto polo Emprego II. A Vicepresidenta Segunda tamén quixo destacar o papel dos emprendedores, “plataforma de vertebración e progreso da nosa sociedade”.

Véndete para emprender!, dirixida principalmente a desempregados e emprendedores, ofreceu as claves para ter éxito na busca de emprego e encarar do mellor xeito posible as entrevista de traballo. Felipe García Rey inxectou de motivación aos asistentes, afondando en temas como a xestión dos propios medos, o valor das ideas ou a creación dunha marca persoal.

Acción Consciente
Felipe García Rey é socio-director do Grupo Acción Consciente, “coach” profesional, poñente motivacional, formador e un dos primeiros profesionais acreditados en España para o uso de técnicas de dinámicas de alto risco. Articulista habitual e membro do comité de redacción do Observatorio Europeo de Coaching, formouse sobre habilidades directivas, desenvolvemento profesional e persoal, liderado ou xestión do tempo. Ademais é membro e colaborar de AECOP (Asociación Española de Coaching y Consultoría de Procesos), ASNIE (Asociación Nacional de Inteligencia Emocional) e mentor da Fundación Barrié.

Exit mobile version