Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Las chicas de la lencería’ pecha o VI Video-forum Mulleres no Mundo

Remata a sexta edición do Video-forum Mulleres no Mundo coa proxección da película suiza Las chicas de la lencería de Bettina Oberli. Seis anos nos que cada outono o Observatorio, en colaboración coa UNED e con Radiofoz, achegou á cidadanía mariñá e galega a realidade vital de mulleres moi diversas pertencentes a ámbitos sociais e culturais moitas veces afastados e distantes. Cerca de trinta películas proxectadas de diversas partes do mundo que deron lugar a interesantes debates e que, sobre todo, permitiron coñecer o traballo de importantes directoras de cinema, moitas veces descoñecidas, e a realidade de mulleres moi diversas.

Cunha media de asistencia de 30 persoas por película, este VI Video-forum Mulleres no Mundo presentou por primeira vez unha película de Arabia Saudita e unha española e unha suiza. Asi mesmo, tres das catro estaban dirixidas por mulleres para cumprir así un dos obxectivos do Observatorio, o de mostrar e visibilizar o traballo das directoras de cinema. E ao igual que nas últimas edicións, por mor da boa acollida e co obxectivo de crear un ambiente máis agradábel e propicio para o debate e o intercambio de ideas a partir do visionado dos filmes escollidos, o formato foi o do café-debate, repartindo o Observatorio gratuitamente cafés e pastas ás persoas asistentes que o quixeran, para axudar a crear un clima distendido no debate posterior ás proxeccións.

Las chicas de la lencería de Bettina Oberli, será a película que este xoves 27 de novembro, ás 19.00h, peche o VI Video-forum Mulleres no Mundo. Unha comedia, ambientada no pobo de Trub, no val de Emmental, na Suíza de fala alemá, cunha protagonista, e as súas amigas que deciden desenvolver un negocio creativo de lencería feminina en contra da opinión conservadora e puritana do fillo de da protagonista, o pastor evanxélico do pobo, e un machista dirixente local.

Recordamos que todas as sesións do VI Video-forum Mulleres no Mundo están guiadas por socias do Observatorio. A metodoloxía a seguir consiste en realizar unha breve presentación e contextualización do filme, para a continuación realizar o visionado da película que corresponda a cada día. A continuación, realizarase un debate e reflexión posterior sobre diferentes aspectos abordados en cada filme, seguindo sempre unha metodoloxía participativa e aberta na que a monitora é a condutora das reflexións do grupo.

O principal obxectivo que persegue o Observatorio da Mariña pola Igualdade con esta iniciativa é a de darlle a coñecer á cidadanía galega, homes e mulleres, as realidades vitais de mulleres moi diversas. Deste xeito, pretendemos destacar, por un lado, que a discriminación de xénero é unha cuestión universal que afecta a todas as mulleres do mundo, aínda que adquire unhas materialización diferentes en función das continxencias que definen cada sociedade e cultura. E polo outro, que non hai un único xeito de “ser muller” nin unha esencia feminina, senón que a pluralidade de experiencias vitais e de desexos das mulleres obríganos a ter sempre en conta a enorme diversidade de mulleres. Alén deste obxectivo principal, desde o Observatorio preténdese tamén contribuír a pór en valor as contribucións das mulleres aos distintos eidos do saber, destacando neste caso o traballo das directoras de cinema.

Exit mobile version