LUGO, 17 DE NOVEMBRO DE 2014.- O voceiro do grupo provincial do PSOE na Deputación de Lugo –Manuel Martínez- participará mañá martes, na comisión veciñal convocada polo concello de Riotorto, sobre a decisión da Xunta de Galicia de suprimir un médico no centro de saúde de dito municipio. Deste xeito, Martínez, ao igual que xa o fixeron en días pasados os responsables da executiva provincial do Partido Socialista, exporá a preocupación do organismo provincial diante esta decisión que provocará un perda da calidade asistencial sanitaria aos veciños deste municipio, pois están a sufrir unha auténtica precariedade neste senso, ao non dipoñer de consulta médica cando hai unha emerxencia. O encontro celebrarase ás 18.00 horas, na Casa do Consistorial.
Iniciativas dos socialistas
A participación do voceiro provincial súmase a outras actuacións emprendidas polos socialistas. Concretamente, unha vez coñecida a vontade do Goberno galego, o pasado sete de novembro, os secretarios Provincial e de Organización –Juan Carlos González Santín e Carlos Ferreiro– e a Vicepresidenta Segunda da Deputación –Lara Méndez-, mantiveron unha xuntanza neste municipio co voceiro do PSOE –José García, onde coñeceron en primeira persoa os prexuízos que provoca aos cidadáns a supresión deste facultativo.
Asimesmo, González Santín, o pasado mércores, aproveitando a presenza da Conselleira no Pleno, transmitiulle personalmente a súa preocupación por esta decisión e anuncioulle que o Grupo Parlamentario do PSOE levará este asunto á Cámara. A iniciativa foi rexistrada ese mesmo día. Concretamente, os socialistas esixen á titular de Sanidade que, ademais de que non se prescinda dun médico en Riotorto, se repare a situación de Mondoñedo; concello no que a administración galega pretende unha actuación semellante, neste caso, na especialidade de Pediatría.