A Xunta pechou 2600 camas entre xuño e setembro por mór das feiras do persoal sanitario. Os usuarios son coincidentes en afirmar que a atención sanitaria reduciuse e que o verán é un tempo perigoso para enfermar. Por suposto, dende o Goberno galego o problema non existe ou non está enfocado a xeito. Mais a cidadanía-e o persoal sanitario-din o que dín.
Mentres, a cidadanía asiste pampa como se lle negan os dados esenciais para coñecermos as características da prestación sanitaria que vai desenvolver o Hospital vigués de Povisa a prol dos usuarios desa área do sur do noso País. E os usuarios coruñeses reclaman o reactivamento da Medicina Interna no Hospital Abente y Lago ou o mantemento integral do Centro de Planificación Familiar de Orillamar.
Por non falar da deterioración da asistencia farmacolóxica aos nosos maiores e dependentes desque existe o copagamento. Ou do gravísimo problema que enfronta un país que xubila aos 65 anos aos seus mellores médicos e sanitarios.
A ARRINCADEIRA.- Rajoy segue a apostar polo inmobilismo e a “non política”fronte ao problema catalá, mentres Europa mira con desconfianza a incapacidade do Goberno español para enfrontar este problema. Disque un 20% das persoas catalás que defenden a independencia asumiron esta proposta dende a sentenza do Tribunal Constitucional do 2010. Non por acaso dicía Castelao que o Madrid político fabrica independentistas.
Xoán Antón Pérez-Lema