Site icon Crónica3.com A Mariña

Moción do PP viveirense sobre a adhesión ao sistema de seguimento integral da violencia de xénero

Viveiro, 24 de novembro de 2014.- Dª. María Jesús Vale López, concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular e no seu nome, ao abeiro do establecido no artigo 97 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, presenta para a súa discusión e, no seu caso aprobación, no próximo Pleno Ordinario a seguinte moción sobre a adhesión ao sistema de seguimento integral da violencia de xénero.

Exposición de motivos
O Sistema de Seguimento Integral da Violencia de Xénero (VIOGEN), creouse ao abeiro do artigo 32 da Lei Orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, que establece que: “Os poderes públicos elaborarán plans de colaboración que garantan a ordenación das súas actuacións na prevención, asistencia e persecución dos actos de violencia de xénero, que deberán implicar, ás administracións sanitarias, a Administración de Xustiza, as Forzas e Corpos de Seguridade e os servizos sociais e organismos de igualdade”.
VIOGEN é un sistema informático integral que recolle a Información e os recursos operativos necesarios para asistir ás mulleres vítimas de violencia de xénero. O seu obxectivo principal é a prevención e lévao a cabo a través dunha base de datos común para mellorar a eficacia no seguimento das circunstancias que concorren en cada unha das mulleres que sufriron malos tratos, evitando, na medida do posible, un novo acto de violencia.

Este procedemento permite ter unha constancia permanente da situación das vítimas, actualizando a estimación do risco cando se modifiquen as causas valoradas inicialmente ou se teña coñecemento de novos datos ou antecedentes. Para iso, conta cun sistema de alarmas que se activan cando se dá algunha circunstancia grave para a vítima, como a modificación da situación penal do agresor, ou a súa saída do cárcere, a violación das condicións da orde de protección, a reanudación da convivencia ou a renuncia á orde de protección; alerta se se producen novos acontecementos que elevasen o risco e avisos se aparecen incidencias relacionadas co caso.

O sistema VIOGEN pretende integrar a todas as institucións públicas con competencia en materia de violencia de xénero, para reunir nunha soa base de datos toda a información necesaria e implantar un sistema de notificacións automatizadas para os profesionais dedicados á atención das vítimas de violencia de xénero.

Teñen acceso a esa información as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, as Policías Locais, o Poder Xudicial, Institucións Penitenciarias, Delegacións e Subdelegacións do Goberno, e as Unidades de Violencia de Xénero dependentes das Subdelegacións do Goberno de cada Comunidade Autónoma.

Se pretendemos lograr unha completa colaboración, cooperación e coordinación para mellorar a seguridade e a protección das vítimas e garantir, deste modo, a integridade da muller maltratada e dos seus fillos e fillas, é preciso que participen todos os organismos implicados.

Por todo isto, o Grupo Municipal do Partido Popular presenta o seguinte acordo para a súa aprobación polo Pleno Municipal:

– Que por parte do goberno Local se proceda á adhesión ao Sistema de Seguimento Integral da Violencia de Xénero (VIOGEN) para poder lograr unha resposta rápida e eficaz ante esta terrible eiva social.

– Facultar a Sr.a Alcaldesa á que realice os trámites necesarios para a adhesión ao Sistema VIOGEN.

Exit mobile version