Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Foz aclara que “o Concello aproveita ó máximo todas as subvencións que recibe”

Foz, 10 de novembro de 2014. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, aclarou este luns que o Concello aproveita ao máximo todas as subvencións que recibe, aínda que en ocasións non é posible xustificalas na súa totalidade. O rexedor explicou que isto ocorre en todos os concellos e tamén no de Foz cando estaba no goberno municipal Jaime Cancio, quen “trata de confundir e enganar aos veciños”.

Javier Castiñeira manifestou que “ao señor Cancio, o tránsfuga que fichou agora o Partido Socialista, hai que dicirlle que deixe de confundir, porque leva xa moitos anos intentando enganar aos veciños. Neste caso este señor fala das devolucións que se fan das xustificacións do programa de cooperación da Xunta de Galicia do ano 2012, no que o Concello de Foz tiña 57.000 euros concedidos para diferentes contratacións de tres a seis meses, nos que ían incluídos socorristas, sanitarios para as praias, algún xardineiro e operarios de mantemento e limpeza. Evidentemente o que fixo o Concello foi tratar de esgotar ao máximo esas subvencións, pero é certo que durante os meses que duran eses contratos hai xente que atopa outros traballos e deixa ese servizo ou por diferentes motivos non remata o período de contratación, polo que ao final non se pode xustificar todo o gasto previsto e evidentemente non se pode cobrar. Neste caso foron 8.000 euros dos 57.000 que había concedidos, pero foi por razóns completamente alleas ao que é a xestión do Concello”.

O alcalde engadiu que Cancio “trata de confundir e enganar aos veciños. Ten a cabeza noutras circunstancias, como a organización de viaxes. No seu traballo tampouco está demasiado posto, porque no instituto parece que nin o coñecen, pois non se dedica ao traballo para o que verdadeiramente lle pagamos todos os galegos. Esta dedicándose a facer política barriobajera, a organizar viaxes de costas ás axencias e a facer politiqueo barato, que parece que ao único que convence é ao Partido Socialista, porque grazas a Deus os veciños de Foz xa coñecen de sobra a esta persoa”.

Para rematar Castiñeira recordou que “o ano pasado xa saíu con esta historia, pero que non intente confundir porque queda suficientemente claro que o Concello de Foz esgota ao máximo as subvencións que recibe para emprego, para formación ou para o sexa, pero hai circunstancias alleas ao propio Concello que non poden xustificarse e polo tanto hai que devolver parte, como se fai en todos os concellos todos os anos”.

Exit mobile version