Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG asegura que “a Xunta se esquece de Barreiros cando non é para legalizar edificios”

Barreiros, 28 de novembro de 2014. O BNG en Barreiros denuncia que a Xunta de Galiza pasou de consignar máis de 6 millóns de euros para dotar de servizos ás urbanizacións construídas sen eles a non destinar a Barreiros nin un só euro.

A formación nacionalista pídelle ao Partido Popular que aclare se “aquel compromiso que vendían o ano pasado cando anunciaban que destinaban máis de 6 millóns de euros a Barreiros xa desapareceu ou se, pola contra, o compromiso do Partido Popular só é coas grandes urbanizacións construídas ilegalmente, tapando así a xestión feita por Alfonso Fuente, e non coas veciñas e veciños de Barreiros, tal e como xa manifestara naquel momento o BNG.”

No pleno do luns o BNG preguntou se desde o goberno municipal coñecían algunha inversión específica para Barreiros, ao que o alcalde contestou que non había nada concreto, pero que “algo se destinaría das partidas xerais.”

Para a portavoz municipal, Ana Ermida, “con esta resposta o que se pretende é que teñamos fe cega nun goberno do PP que incumpriu reiteradamente con compromisos para o noso concello que xa tiña feito públicos como o arranxo da Reme-Vilamar ou a mellora do albergue de Gondán.”

“O que demostra o Partido Popular en Galiza e en Barreiros é que o seu compromiso era coa legalizacións das obras e, cando o Tribunal Supremo sentenza que o pretendido plan sectorial é contrario a dereito, esquécense da necesidade de dotar de servizos e desaparece calquera compromiso orzamentario”, afirman desde o BNG.

Desde a formación nacionalista instan ao Partido Popular a demostrar se ten compromiso real coas persoas, destinando fondos para beneficiar á totalidade de veciñas e veciños e a explicar que o que se pretendía en Barreiros era tapar a desfeita urbanística, amparada polo alcalde popular, cos cartos de todas as galegas e galegos.

Exit mobile version