Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Alfoz-Valadouro acusa ó goberno local de incumprir acordos de investidura co BNG que impide “dar a súa aprobación ó orzamento municipal para 2015”

O Valadouro, 29 de novembro de 2014. A asemblea local do BNG Alfoz-Valadouro non deu aprobación aos orzamentos 2015 presentados polo goberno municipal de coalición entre PSOE e UDIVAL por non cumprir os acordos de investidura en maio de 2013. A formación nacionalista non se fai responsábel dos impedimentos legais para a execución de actuacións previstas polo goberno local por ter que actuar cun orzamento prorrogado de 2014, mais ao contrario responsabilizan aos dous socios de goberno – PSOE e UDIVAL – por non cumprir condicións básicas acordadas co BNG para votar a favor dun goberno alternativo ao Partido Popular.

Para a asemblea local do BNG “a actitude do grupo de goberno de non efectuar modificacións de calado na forma de actuar, incluídas no acordo para a investidura de Edmundo Maseda como alcalde, obrigan a votar negativamente os orzamentos presentados polo goberno local para 2015”.

Desde a formación nacionalista “recalcan que unha destas condicións era a elaboración de ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS, cousa que non se está a producir xa que se presenta unha proposta elaborada unicamente polos socios de goberno sen a apertura dun proceso de participación social claro e transparente”.

Os nacionalistas “non se fan responsábeis dos impedimentos administrativos que se podan dar en 2015 para a execución de proxectos pendentes pola obriga de operar con orzamentos prorrogados de 2014”, “é responsabilidade única e exclusiva do grupo de goberno por non atender condicións básicas expostas polo BNG para o cambio de goberno no Valadouro”.

A Asemblea Local do BNG quere deixar claro que “non se senten atados para apoiar sen condicións ao grupo de goberno” formado por PSOE e UDIVAL. A pesar de que propostas como “o sistema de préstamo de material escolar ou posta en marcha de proxectos vinculados á valorización dos recursos propios do concello están encamiñadas, non se acaban de ver actuacións de maior calado dirixidas á democratización da vida municipal, estratexias cara a unificación do Val ou demandar coa necesaria contundencia infraestruturas pendentes no concello desde fai anos como o polígono industrial de Alfoz-Valadouro”.

Do mesmo xeito, cando se abriu unha rolda de xuntanzas nas parroquias –a proposta do BNG- para escoitar as propostas dos veciños, o goberno local non cumpriu as promesas realizadas á veciñanza, tampouco se puxo en marcha a figura do dinamizador das parroquias, proposta do BNG na táboa de puntos programáticos para apoiar un cambio de goberno hai ano e medio. Nin sequera se cumpriron as propostas realizadas polas formacións que despois entraron a formar parte do goberno, como é caso da creación dunha planta de biomasa ou a posta en marcha dun Centro de Día, iniciativas estrelas de UDIVAL, as cales, puxeron como condición para apoiar a Edmundo Maseda como rexedor.
Con todo manteñen a porta aberta ao diálogo para reconducir a situación e manifestan a súa vontade de traballar para que exista un cambio real nas formas de gobernar.

Eduardo Chao, concelleiro e portavoz municipal do BNG no concello do Valadouro

Exit mobile version