Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Burela acusa a González Barcia de “agochar os incumprimentos do PP no canto de buscar unha solución ós elevados prezos da auga en Burela”

O BNG burelao pídelle ao PP local que non tente enganar á poboación con escusas de mal pagador, acláranlles que o BNG nunca renunciou ao dragado do encoro de Rúa porque nunca deixou de ser parte do proxecto inicial, mais ben existe a negativa do actual goberno galego a executalo e un cambio de discurso evidente dos gobernos locais dos dous municipios.

Pídenlle ao PP que se informen porque a intención inicial de depositar os lodos ao lado do encoro de Rúa, tal como se definía no proxecto inicial elaborado polo goberno Fraga en 1999, incumpría a lexislación ambiental de transportalos e depositalos nun xestor autorizado que deriva nun encarecemento da obra que agora o PP non quere asumir. Os nacionalistas repróchanlle ao PP que tire balóns fora, e faino a mesma organización política que incumpría a lexislación ambiental en 1999 e faino agora en 2014 cando depositou na zona do Berbés en Burela o lixo procedente da limpeza de sumidoiros ate que o BNG denunciou a situación.

Para o BNG o PP ten mala memoria e esquece que foi a propia Delegada da Xunta en Lugo quen nunha visita á ETAP de Cervo en novembro de 2010, quen comprometeu o dragado do encoro de Rúa e mesmo o anterior conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, tamén o fixo si así o demandaban os concellos, cousa que xa sucedeu con acordos plenarios dos dous concellos en 2010. A pesar disto, ningún dos orzamentos da Xunta incluíron partida económica algunha para executar esta obra nin tampouco se aceptaron as iniciativas do BNG para a súa execución.

Para os nacionalistas “é significativo que esta problemática teña a súa orixe na segregación de Burela do concello de Cervo, á que o alcalde sempre se refire cando fala da débeda, mais todo o mundo en Burela sabe que esa segregación foi promovida polo propio Partido Popular, polo que toda a responsabilidade que dela se deriva é do PP; nunca mellor dito, daqueles polvos, estes lodos”.

A auga subeu en Burela máis dun 200% desde 2011
As veciñas e veciños de Burela soportamos subas no servizo de abastecemento de auga entre 2011 e 2014 que nalgúns casos superan o 220% entre amortización da obra, canon de saneamento e beneficios empresariais da empresa privada que xestiona o servizo do abastecemento conxunto a Cervo e Burela e o propio de Burela pero ao PP isto non lle preocupa, unicamente trata de tapar con mentiras os incumprimentos da Xunta gobernada polo seu partido. A taxa da auga pasou de 0,21 a 0,63 €/m3, ao que temos que engadir os custes que ten o Consorcio da Auga para toda a veciñanza de Burela e que en 2013 ascenden a 240.000 €.

Todo isto repercute no recibo da auga dos veciños de Burela e Cervo, como sinala o BNG “chega con revisar a evolución das facturas da auga para o mesmo mes do ano durante os anos 2011, 2012, 2013 e 2014 para comprobar que o importe aumentou considerabelmente, e cando o BNG trata de pedir a súa revisión e fórmulas para reducir este impacto nas economías familiares e das empresas locais, o PP ponse á defensiva no canto de reaccionar na busca de solucións.

Outra cuestión incomprensible para o BNG é o feito de que dende o PP consideren que non é lóxico proceder ó dragado debido ós custes de 1,7 millóns de euros, cando en Lourenzá a Xunta sí que procedeu a levar a cabo unha obra moi similar por valor de 1,1 millóns de euros. Lembran que o que correspondería no PP de Burela co alcalde á cabeza é defender os intereses da veciñanza do seu concello non a dos concellos veciños. A limpeza do encoro de Rúa ademais de reducir custes de mantemento no sistema axudará a evitar avaría na Etap.

Por último, os nacionalistas lamentan as acusacións por parte dos populares de falta de traballo, ausencia de propostas e alternativa; lonxe de dar calquera tipo de argumento, acusan ao chou e sen base ningunha, posto que o BNG ten demostrado en Burela traballar na rúa sempre do lado dos veciños e mirando o interese xeral, en contraste cos que gobernan, que semellan estar moi cómodos nos sofás dos despachos pero están afastados a quilómetros de distancia dos problemas reais das burelás e dos burelaos.

Exit mobile version