Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz emenda a xestión económica do goberno municipal do PP e o seu triunfalismo enganador

Foz, 1 de novembro de 2014.- O BNG de Foz a través do seu portavoz municipal, Xan Carlos González Basanta, sae ao paso das declaracións triunfalistas e enredosas do alcalde de Foz sobre as contas municipais. Nelas, Castiñeira congratulábase dos datos publicados polo Ministerio de Facenda do Estado sobre as contas municipais e manifestaba unha boa xestión das mesmas.

En principio lugar, hai que aclarar que as cifras publicadas do endebedamento financeiro dos concellos presentadas polo Ministerio que dirixe Cristóbal Montoro, reflicten saldos pendentes de amortizar por préstamos formalizados a longo prazo. Polo tanto, non se inclúen aquí os créditos a curto prazo nin a débeda con provedores e outros acredores municipais. De aí que conveña fixar a nosa atención na conta xeral e nos informes de intervención para saber realmente a situación económica do Concello de Foz. Porque é a conta xeral a que permite coñecer o acerto na execución orzamentaria ao comparar ingresos previstos cos realizados, así como os créditos iniciais de gastos cos que foron definitivamente recoñecidos.

Na conta xeral do ano 2013, o remanente de tesourería -que avalía a solvencia financeira municipal- aínda que é positivo intervención di que “queda desvirtuado pola situación dos ingresos pendentes de recadación de exercicios pechados e as obrigas pendentes de aplicar ao orzamento que constitúen a débeda extraxudicial”. Para darnos unha idea disto, dos 2.631.122,39 euros referido a dereitos pendentes de cobrar estímase que 2.390.524,15 euros son dereitos de difícil recadación, é dicir, incobrables. Pero iso o alcalde non o di e o que debería facer un goberno que quere unhas contas transparentes e realistas sería -como o BNG ten dito moitas veces- depurar todos estes incobrables e levar ata as últimas consecuencias as débedas pendentes de cobro antes de que prescriban.

Para o BNG, outra das situacións preocupantes das contas municipais, tal e como advirte insistentemente Intervención, é que os ingresos correntes chegan a duras penas para facer fronte aos gastos correntes e á amortización das súas operacións de crédito se temos en conta as obrigas que se deixaron pendentes de aplicar ao orzamento -e que se contabilizan en 386.237,13 euros-. E isto, contando cun incremento de impostos como o IBI urbano e que nos 2 últimos foi dun 22%.

O BNG finalmente quere precisar algo sobre a xestión do grupo de goberno que en moitos casos incumpre de forma descarada as normas legais e que lle afecta negativamente aos resultados finais das contas municipais. Referímonos por exemplo á acumulación de facturas que non se poden imputar ao orzamento porque son gastos que non teñen partidas. Outro exemplo de descontrol do gasto ocorre cos

contratos menores que este goberno adxudica sen orzamento da obra e sen aprobación previa do gasto, requisitos esixidos pola Lei de Contratos. Tampouco se están facendo as liquidacións definitivas en impostos como o ICIO ou en taxas como as de licenzas urbanísticas.

O BNG quere lembrarlle ao alcalde de Foz que ten sen executar aínda un Plan de Saneamento das Contas Municipais aprobado pola Corporación no ano 2009 e que desde que goberna está a ser incumprido e avaliado negativamente polos servizos de intervención do Concello desde que goberna o PP.

Á vista destes datos, podemos afirmar taxativamente que de boa xestión nada de nada. Máis ben, a xestión das contas municipais non existe como tal xestión e si como un “a velas vir”, como parece ser toda a xestión do PP de Raxoi. Non se ve por ningún lado iniciativa deste goberno municipal para controlar o gasto e mellorar os ingresos, así como mellorar os servizos e o benestar do pobo de Foz, Non hai máis que observar o aumento do paro, as deficiencias nos servizos municipais cada vez maiores (alumeado, saneamento, limpeza, tráfico, etc.), a privatización de obras ou servizos públicos, o deterioro das instalacións municipais e do mobiliario urbano, o abandono das parroquias e un longo etcétera. “Realmente aquí o único que parece estar contento coa situación do Concello é o alcalde porque o resto dos mortais vemos todo o contrario”, declara Basanta.

Exit mobile version