Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Lourenzá califica de “pouco ética” a xestión do PSOE local referente ó plan de comunidades veciñais co beneplácito do PP

Lourenzá, 06 de novembro de 2014. O Bloque Nacionalista Galego de Lourenzá faise eco da polémica existente a raíz do reparto das axudas correspondentes ao Plan de Comunidades Veciñais da deputación no concello laurentino, xa que cos datos na man, pódese asegurar que o PSOE de Lourenzá está a influír dun xeito “pouco ético” no reparto de fondos destas axudas. Explican os nacionalistas laurentinos que dende a constitución da nova corporación no 2011 coa nova equipa socialista á fronte, estase a dar a casualidade, facilmente comprobable, de que os proxectos desenvolvidos por este plan nos que a execución a tiña que levar a cabo unha empresa da construción, acabaron en mans da mesma empresa, vencellada dun xeito moi directo coa dirección do grupo socialista laurentino e mesmo se pode asegurar que os representantes das asociacións solicitantes agraciadas con este reparto, están na súa grande maior parte vinculados cos socialistas do noso concello.

Dende o BNG de Lourenzá queren lembrar a importancia deste plan á hora de subvencionar a libre actividade das asociacións ou grupos que representen algún interés público do mesmo xeito que desexan resaltar a dobre finalidade económica que estes plans teñen para o pequeno empresario local dentro deste contexto de crise.

Esperan e desexan os nacionalistas laurentinos que todos estes feitos non condicionen de cara ao futuro ou condicionasen xa de calquera xeito posíbel a labor como oposición do grupo socialista local. Do contrario, poderiamos estar asistindo ao que un amplo sector da veciñanza xa apunta como un pacto implícito PP-PSOE de non agresión baseado na negociación conxunta destes recursos, con un modo de actuar con respecto aos cartos públicos moi similar.

Exit mobile version