Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro insta á Xunta a mellorar a seguridade da estrada entre Muras e Viveiro

Bernardo Fraga Galdo, en representación do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego de Viveiro, e conforme á lexislacion vixente, presenta ao Pleno da Corporación Municipal de Viveiro a seguinte:

MOCIÓN PARA INSTAR Á CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS DA XUNTA DE GALIZA A MELLORAR A SEGURIDADE DA ESTRADA LU-540 ENTRE MURAS E VIVEIRO.

Exposición de motivos:

A estrada LU-540 que une Viveiro con Roupar, pasando pola Gañidoira, é unha das vías máis transitadas por veciñas e veciños de Viveiro e arredores, para saír de Viveiro en dirección ás principais ciudades e vilas galegas. Son moitas e moitos os condutores que empregan a estrada a diario para desprazarse aos seus postos de traballo e por condutores de camións e furgonetas de reparto que fan o seu servizo pola mesma.

Coa chegada do inverno, volven a detectarse as deficiencias de seguridade da estrada LU-540. En canto ao pintado das liñas, invisibles en días de choiva ou de néboa, días habituais na zona nesta época do ano, provocan unha situación de verdadeira inseguridade para os usuarios da vía, que en moitos casos non logran circular en condicións polo carril correspondente.

Así mesmo continúa a existir o problema dos animais soltos na estrada, cunha presenza constante e moi perigosa para os condutores, que teñen provocado numerosos accidentes de circulación, e que a Xunta de Galiza, tentou solucionar coa colocación de grandes sinais de perigo de animais (como se os animais foran saír da vía, pola presenza das sinais).

Por estes motivos o BNG presenta a seguinte proposta para o seu debate e acordo:

1º- Instar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galiza á executar o pintado inmediato da LU-540 entre Viveiro e Roupar, pola Gañidoira.

2º- Instar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galiza a colocar elementos de seguridade nos bordes da estrada, que impidan a presenza de animais salvaxes na vía.

3º- Remitir o acordo ao grupos políticos con representación no Parlamento Galego.

Viveiro, a 29 de novembro de 2014.

Bernardo Fraga Galdo
Portavoz Municipal do BNG de Viveiro.

Exit mobile version