Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG interésase no Parlamento pola asistencia sanitaria no Hospital da Costa

O Grupo Parlamentar do BNG foi moi crítico coa posta en marcha da Área de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte, por entender que a centralización da xestión hospitalaria en Lugo sería moi prexudicial para o servizo da sanidade pública; por esa razón xa denunciara, naquela altura, que de impoñerse a Área Única de xestión integrada, supoñería un grave deterioro da sanidade pública, empeoraría a calidade asistencial e comezaría o camiño da privatización.

O BNG advertira dun efecto devastador na atención primaria de toda a provincia, atención primaria que se vería recortada en recursos, na interdisciplinariedade das equipas dos centros de saúde e na relación coa atención especializada hospitalaria pública.

Hoxe podemos comprobar os recortes orzamentarios da Consellería de Sanidade e as denuncias, contra estes recortes, por parte de organizacións políticas, sindicais e sociais de toda a comarca da Mariña.

Hoxe todos sabemos que, no último ano perdéronse tres prazas de facultativos en Cervo, Xove e Ribadeo e nestes días estase reclamando a cobertura dunha praza no concello de Riotorto, para que non se perda a cuarta praza. A esta situación débese sumar a non substitución por baixas temporais ou vacacións do persoal sanitario que durante este verán provocaron a acumulación de tarefas en determinados centros de saúde de vilas da comarca con grande afluencia turística; situación que fixo imposíbel garantir unha asistencia sanitaria cando menos de mediana calidade. Tamén os medios de comunicación deron conta de denuncias por falta de material sanitario básico en centros de saúde.

O orzamento en sanidade primaria para o conxunto da provincia de Lugo viuse recortado nos últimos sete anos nun 7,5%, case 34,5 millóns de euros que teñen como consecuencia a degradación da calidade asistencial nos centros sanitarios mais próximos á veciñanza, e un profundo malestar e desmoralización entre o persoal sanitario.

Nestes días saltaba a noticia na comarca da Mariña sobre unha circular da
Estrutura de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte, dirixida a persoal administrativo dos centros de saúde mariñaos, con indicacións para o tratamento de citas de acordo co denominado “protocolo de xeonllo” onde se precisa a oferta ao doente de probas de resonancia magnética nun hospital privado de Lugo cun protocolo de tramitación e tempos de agarda moi inferiores ao servizo prestado na asistencia pública, neste caso no Hospital da Costa. Esta circunstancia, ademais de alimentar á sanidade
privada en detrimento da pública, non ten en conta os tempos de viaxe que debe percorrer cada veciña ou veciño da mariña (uns 200 km.) para acudir á “cita no centro privado na cidade de Lugo” e tamén quere facernos esquecer a promesa feita polo PP para implantar un servizo de resonancia magnética estábel no Hospital de Burela.

O Grupo Parlamentar do BNG considera que estamos diante dun novo exemplo
de privatización (converter o dereito á saúde nun negocio), co agravante de utilizar ao persoal da sanidade pública para tramitar citas para a sanidade privada, ao tempo que se segue inxectando diñeiro público á privada mentres na pública continuamos con recortes e con servizos cada vez máis deficientes.

É preciso lembrar que as resonancias magnéticas no Hospital da Costa, realízanse nun vehículo móbil que non ten unha periodicidade estábel e que nos últimos tempos acude á mariña con menos frecuencia da que debera para atender aos doentes en tempo e forma. Esta circunstancia provocou que as listas de agarda oficiais para traumatoloxía, tanto en primeira consulta como para cirurxía, son as mais altas deste centro sanitario. Compre ter presente, ademais, que o partido no goberno “comprometera” a instalación dun servizo de resonancia magnética estábel no Hospital da Costa sen que ate o momento se teña constancia de ningún trámite dirixido a cumprir este compromiso.

Diante desta grave situación de deterioro da atención sanitaria na Mariña o Grupo Parlamentar do BNG comparte a indignación dos veciños e das veciñas e das entidades sociais que loitan pola defensa da sanidade pública e, polo exposto formulamos a seguinte Interpelación:

1.- Confirma o SERGAS a existencia dunha circular dirixida aos centros de saúde da Mariña onde se describe o protocolo a seguir para atención de persoas que precisen probas diagnósticas de resonancia magnética?

2.- De existir estas instrucións, cal é o motivo polo que se dá prioridade á asistencia nun centro privado en detrimento do público, mais próximo á residencia de mariñás e mariñaos?

3.- Ten previsto o SERGAS cubrir as prazas médicas, neste momento sen substitución, en Cervo, Xove, Ribadeo e Riotorto?

4.- Considera a Xunta que está cumprindo coas súas obrigas en materia de atención sanitaria pública á zona da Mariña Luguesa?

5.– É consciente a Xunta de Galiza da indignación que produce na cidadanía o incumprimento dos seus anuncios e promesas da instalación dun servizo de resonancia magnética estábel no Hospital da Costa?

6.- Cando ten pensado cumprir coa promesa de instalar un servizo de resonancia magnética estábel no Hospital da Costa, para mellorar a calidade do servizo de traumatoloxía?

7.- Cal é a razón pola que a Conselleira de Sanidade recorta recursos á sanidade pública mentres deriva diñeiro público para a sanidade privada?

Cosme Eladio Pombo Rodríguez
María Monserrat Prado Cores

Exit mobile version