Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG nos concellos de Cervo e Burela reclaman o dragado do encoro de Rúa para reducir cuantiosos gastos enerxéticos

A Mariña, 21 de novembro de 2014.- O BNG de Cervo e Burela por medio de Mario Pillado e Xoán Antón Estúa criticaron o incumprimento do compromiso incluído no proxecto de abastecemento de auga aos concellos de Cervo e Burela derivado das compensacións pola segregación dos dous concellos en 1995. Os nacionalistas lembraron que “foi un goberno autonómico do PP o que asinou a segregación, prometeu garantir un abastecemento de auga sen custe algún para os cidadáns, comprometeron un proxecto ambicioso, dragando o encoro de Rúa para evitar os bombeos de auga desde o encoro de Río Covo polo elevado custe de explotación e agora vemos como o que ia ser excepcional pasa a ser indispensábel, e o indispensábel pasa a excepcional pola negativa da Xunta e do Partido Popular a executar os seus compromisos”.

A veciñanza de Cervo e Burela pagan a auga mais cara do país
Ambos representantes nacionalistas explicaron que o proxecto de abastecemento contemplaba o dragado e limpeza do encoro de Rúa co fin de incrementar a súa capacidade, diminuída nun 25% por acumulación de lodos.
De acordo co proxecto este depósito permitiría pola súa altura abastecer por gravidade aos dous concellos e só se utilizaría a captación alternativa desde Río Covo en casos excepcionais para evitar os elevados custes enerxéticos derivados da necesidade de bombear auga á planta potabilizadora da Senra.

O dragado da presa reduciría en boa parte os elevadísimos custes de xestión do abastecemento de auga
O goberno do Partido Popular na Xunta negouse a executar o dragado, que si estaba contemplado no proxecto inicial de abastecemento, polo encarecemento da actuación derivada da necesidade de trasladar os lodos a un depósito e xestor autorizado cun gasto previsto de 1,7 millóns de euros. Esta negativa repercute necesariamente no prezo dos recibos polo que os veciños de Cervo e Burela pagan a auga mais cara do país ao incluír a obra, os elevados custes de explotación e as achegas que fan os dous concellos ao Consorcio para a Xestión e Explotación da Rede Básica de Abastecemento a Cervo e Burela. “Xa sexa directamente, vía taxas por abastecemento, ou indirectamente vía amortización da obra e xestión do servizo, a veciñanza de Burela e Cervo pagamos a auga mais cara do país”, afirmaron Xoán Estúa e Mario Pillado.

Os dous concellos aprobaron acordos plenarios esixindo o dragado do encoro de Rúa
Os plenos das corporacións de Cervo e Burela acordaron por unanimidade en novembro de 2010 instar á Xunta de Galiza a executar o dragado da presa de Rúa e curiosamente no mesmo mes a Delegada Territorial da Xunta, Raquel Arias, anunciaba a execución da obra. Aínda así, nin os orzamentos autonómicos para 2011, 2012, 2013, 2014 e 2015 incluíron partida algunha para esta obra, nin o PP no Parlamento Galego aceptou nunca aprobar emendas do BNG para incluír partidas económicas para este fin, entre eles José Manuel Balseiro, que negou en varias ocasións o seu voto a esta obra a pesar de tela aprobado no concello de Cervo onde é Tte. de Alcalde.

Os alcaldes calan e admiten mesmo cando a Xunta financia obra que en Cervo e Burela agardamos desde 1995
Xoán Antón Estúa e Mario Pillado cargaron contra os alcaldes de Burela e Cervo, por admitir e ser cómplices desta situación. “Nin Barcia nin Villares abriron a boca para reclamar unha actuación que evitaría gravosas cargas para os concellos e para a propia veciñanza e tanto un como outro calaron cando viron como no concello de Lourenzá a Xunta financiou unha obra similar que nós levamos agardando desde 1995”.

Entenden que o que eran compensacións pola segregación dos dous concellos en 1995 “non existen, mais ben ao contrario tanto un coma outro, seguimos pagando as débedas daquel proceso que aínda a día de hoxe requiren a consignación nos respectivos orzamentos municipais de fondos para amortización da débeda e fondos para obras como esta”, que ademais deriva en custes de explotación desorbitados.

Exit mobile version