Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pide explicacións ó SERGAS sobre as instrucións da EOXI que dan prioridade á atención de probas diagnósticas nun centro privado sobre o público

A Mariña, 19 de novembro de 2014. O BNG mariñao anunciou que ven de trasladar ao grupo parlamentar do BNG no Hórreo a información difundida hoxe sobre unha circular da dirección da Área de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte onde se instrúe a persoal dos centros de saúde mariñaos con indicacións para os doentes sobre como tramitar citas para probas de resonancia magnética, establecendo prioridades para a atención nun centro privado de Lugo sobre o Hospital da Costa.

A formación nacionalista esixe explicacións de inmediato porque entende que “o SERGAS alimenta e promove con estas instrucións a derivación de doentes mariñaos a un centro privado deixando como segunda opción a atención nun centro público como é o Hospital da Costa”.

Xestores públicos que actúan como comerciais dun hospital privado
Estamos, segundo afirmou a portavoz comarcal nacionalista Ana Ermida, “ante uns xestores públicos que actúan como comerciais dun hospital privado en detrimento da atención pública”. A nacionalista expresou a indignación da organización ante estas instrucións que “ofrecen unha imaxe clara de cal é a forma de actuar do Partido Popular, privatizando os servizos públicos e inxectando nos centros sanitarios privados o diñeiro público que debera ir destinado a reforzar a asistencia pública”.

Demandan unha resonancia magnética estábel na comarca
A formación nacionalista reclamou ao SERGAS e ao Partido Popular que dea marcha atrás a esta política destinada claramente a reforzar a sanidade privada e pediu a paralización inmediata desta instrución, ademais de destinar os recursos necesarios para fornecer o Hospital da Costa dunha resonancia magnética estábel, dotando o Hospital da Costa mentres isto non se produce, dunha unidade móbil que estableza periodicidades mais curtas para evitar penosos traslados da poboación mariñá a outros centros sanitarios e moitos menos privados.

Exit mobile version