Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG presenta unha moción reclamando a cobertura da praza de médico de tarde en Foz

O pasado mes de xuño o médico que atendía polas tardes (o doutor Pavón) colleu unha baixa. Ata o día 15 de agosto dita baixa veuse cubrindo a diario, salvo dez días de xullo. Pero a partir de entonces, a baixa do médico so se cubre tres días á semana sen que lles dera ningunha explicación nin aos pacientes nin ao Concello. En concreto, os e as pacientes do médico da tarde só son atendidos os luns, mércores e venres, cando sempre foron atendidos todos os días da semana coma o son o resto de pacientes dos demais médicos do centro.

A asignación de médicos que a propia Consellaría ten para o Centro de Saúde de Foz e que se ve reflectida na páxina web da Consellaría de Sanidade segue aparecendo a praza médica como de atención de 15:00 a 22:00 horas toda a semana. Esta situación de falta do médico está traendo cada vez máis malestar entre os pacientes e moitas son xa as persoas que mostraron a súa protesta por este feito e incluso que se cambian de médico porque se senten discriminados ao non ser atendidos nas mesmas condicións que co resto dos médicos do centro.

O BNG albisca unha posible intención por parte da Consellaría de eliminar esta praza do Centro de Saúde de Foz como está acontecendo xa en outros municipios da comarca e da provincia.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte ACORDO:

1. Instar á Consellaría de Sanidade a que cubra de forma completa e durante todos os días da semana a praza do médico de tarde do Centro de Saúde de Foz.
2. Trasladar este acordo á Consellaría de Sanidade, ao Presidente da Xunta de Galiza e aos grupos parlamentares do Parlamento de Galiza.

Exit mobile version