Site icon Crónica3.com A Mariña

O concelleiro de Deportes de Ribadeo asegura que “as intensas chuvias foron as responsables da suspensión do partido do domingo entre o Ribadeo e o Bertamiráns”

Ribadeo, 25 de novembro de 2014. O concelleiro de Deportes de Ribadeo, Vicente Castro, asegura que as intensas chuvias caídas durante as xornadas do sábado e do domingo foron as responsables da suspensión do partido que tiñan que disputar no Pepe Barrera o Ribadeo FC e o Bertamiráns. Castro di que hai e houbo campos de 3ª, de 2ª e de 1ª nos que ás veces hai que suspender partidos polo mesmo motivo.

O edil nacionalista dixo: “somos conscientes agora mesmo e xa o éramos a principio da tempada tanto o club e os adestradores como o Concello de que a situación do Pepe Barrera era aceptable, porque creo que ninguén se pode queixar de cómo estivo o terreo de xogo para a maioría dos partidos agás nalgún no que non diluviou, como este pasado fin de semana, pero caeu auga en cantidades case desproporcionadas”.

Vicente Castro considera que “non hai que esquecer que levamos un mes de chuvias permanentes e que non é o Pepe Barrera o único campo que ten problemas: hai campos doutros equipos de Terceira, de Segunda División e incluso algún de Primeira que ten problemas por tanta chuvia. Este pasado fin de semana o partido suspendido en Ribadeo sería suspendido en calquera campo, incluso de Primeira División, despois de diluviar como o fixo en Ribadeo. ¿Ou é que se xogaría en Vigo aquel día que se inundou Balaídos? Pois non. Tivo a sorte de que non lle cadrou partido ese fin de semana en Vigo. Polo tanto dicir que dá mala imaxe non poder xogar este pasado fin de semana polo estado do campo é sacar de contexto a situación para facer presión ou trasladar o problema exclusivamente ao Concello”.

O concelleiro de Deportes asegurou que o Concello tiña intención de acometer un importante arranxo no Pepe Barrera, aínda que considera que non é momento de realizar unha inversión tan cuantiosa (350.000 euros) sen contar coa axuda doutras administracións e debido á delicada situación económica pola que atravesa o país: “xa se explicou en distintas ocasións que o Concello tiña intención de arranxar o campo, pero sería necesario un investimento superior aos 350.000 euros. Vivimos nos tempos que vivimos e eu creo que ninguén pode dicir nada dos esforzos feitos polo Concello nos últimos anos para a mellora das instalacións deportivas en xeral. Queda o do Pepe Barrera, que estivo programado máis dunha vez pero non houbo maneira de sacalo adiante. Estará en mans da nova Corporación que saia o vindeiro ano, pero é evidente que nos momentos actuais non se pode acometer unha obra dese tipo, coa situación económica que temos e sen axudas doutras administracións”.

Exit mobile version