Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo conmemora o Día contra a violencia de xénero o sábado 15

Cervo, 10 de novembro de 2014- O Concello de Cervo anuncia o programa de actividades para conmemorar o Día contra a violencia de xénero que se desenvolverá ao longo do mes de novembro. O acto central terá lugar o próximo sábado día 15 (20 h. Casa da Cultura) e leva por título “Coas vítimas na lembranza”, que inclúe a actuación do cuarteto de corda do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro. Unha xornada na que tamén haberá lectura de poemas e manifestos, e a proxección de curtametraxes.

Da mesma maneira, a edil de Igualdade, Pilar Armada, lembra que o prazo para presentar os traballos ao concurso “Carta a un maltratador” segue aberto ata o 21 de novembro. Nel poden participan todas as persoas maiores de 12 anos empadroadas no Concello, que terán que presentar un texto en formato de carta con temática libre pero cunha mensaxe clara contra os abusos e o maltrato físico e/ou psicolóxico.

Entre todos os traballos escollerase un, que será premiado cun vale de 100 euros para gastar en establecementos comerciais do municipio. As cartas pódense entregar no Concello de Cervo ou na Casa do Mar. O nome do autor así como a carta gañadora faranse públicos o 25 de novembro.

Outra das iniciativas para este mes é a exposición de fotografía “De berros e olladas”, inaugurada a semana pasada e que se pode ver durante todo o mes na Casa da Cultura. Trátase dunha mostra coas imaxes de Isidro Cea, Marga Piñeiro e Enrique González e os haikus de Andrea Fernández Maneiro. Nela amósanse catro formas diferentes de denunciar a violencia coas que os autores pretenden concienciar e “berrar” contra esta lacra social.

Exit mobile version