Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo pedirá explicacións e responsabilidades aos dirixentes do PSOE por crear un problema xudicial no 1991

pp-cervoCervo, 27 de novembro de 2014- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e varios membros do goberno local anunciaron este xoves que pedirán explicacións e incluso responsabilidades políticas aos dirixentes do PSOE “por crear un problema xudicial sen sentido que ao final pagarán os veciños de Cervo”.

O rexedor fai referencia á reparcelación da Unidade de Actuación do Hospital de Burela, feita no ano 1991 polo Concello de Cervo gobernado polo PSOE, e co apoio da Tesorería General de la Seguridad Social tamén en mans dun goberno socialista. Unha reparcelación que denunciou a Tesorería 16 anos despois, sendo director provincial Juan Carlos González Santín, na época de Zapatero.

Ante esta situación o Concello encargoulle a defensa xurídica á Deputación, pero aínda así, en maio de 2014, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condena a Cervo a anular a reparcelación, algo imposible de cumprir xa que os terreos se atopan agora noutro municipio, o de Burela; ou ben a indemnizar á Tesorería.

Por este motivo, o Concello iniciou unha serie de contactos con esta entidade para facer a compensación a través de terreos municipais. Agora o Concello seguirá en conversacións coa Tesorería para acordar que parcelas se van ceder, as cales deberán ter un valor equivalente aos terreos que tiña a Tesorería antes da reparcelación.

En principio, o Concello propuxo ceder unha parcela dotacional de 13.000 m2 no polígono de Cuíña para compensar os 3.238 m2 de solo edificable que pertencían á Tesorería. Polo tanto, os veciños de Cervo “van perder unha parcela municipal polos erros do PSOE”, lamenta o rexedor.

Explicacións e responsabilidades
Por todos estes feitos, o Concello esixirá explicacións e responsabilidades políticas aos dirixentes do PSOE implicados neste asunto. “Temos moitas preguntas que facer e os socialistas teñen moitas cuestións que aclarar”, asegura Villares, que non entende “como se puido chegar a este sen sentido de que o Concello e os veciños teñamos que pagar por un erro creado no 91 polo PSOE e denunciado no 2007 tamén polo PSOE”.

“Queremos saber por que pasaron 16 anos ata que a Tesorería decidiu denunciar ao Concello”, unha pregunta que neste caso vai dirixida ao actual secretario provincial do PSOE e parlamentario, Juan Carlos González Santín, que no 2007 era director provincial da Tesorería en Lugo. De feito Santín é o que asina o documento no que reclama ao Concello que anule a reparcelación e foi tamén baixo o seu mandato cando a Tesorería levou este asunto aos tribunais.

O alcalde cualifica de “barbaridade política” todos os feitos que levaron a que finalmente “os veciños de Cervo sexamos os prexudicados e teñamos que perder propiedades municipais por algo que fixo o PSOE hai 23 anos”.

Exit mobile version