Lourenzá, 4 de novembro de 2014. O venres 14 de novembro levarase a cabo no salón de actos da Casa do Concello de Lourenzá un seminario gratuíto sobre agricultura e gandería ecolóxicas. A actividade desenvolverase en horario de 10 a 14 horas pola mañá e de 16 a 18 horas pola tarde. Os interesados poden realizar xa as súas inscricións na Casa do Concello, a través do teléfono 678.64.55.49 ou no enderezo electrónico asociación.dpe@gmail.com.
O obradoiro está organizado polo Concello de Lourenzá e vai dirixido a asociacións de produtores agrarios, aos propios produtores interesados en reconverterse en produtores ecolóxicos, a operadores do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, a parados en busca de alternativas para implantar negocios no ámbito rural e a calquera persoa interesada neste tipo de agricultura. Entre os seus principais obxectivos están os de explicar o que son a gandería e a agricultura ecolóxicas, orientar sobre as producións máis interesantes na zona, amosar as facilidades e dificultades desta alternativa de negocio, presentar as posibilidades de comercialización da produción ecolóxica e informar sobre os trámites de alta habituais nas explotacións e industrial ecolóxicas.
Os asistentes poderán formarse en cinco grandes bloques de contidos: a normativa e lexislación da agricultura ecolóxica, a produción animal neste tipo de explotacións, a produción vexetal ecolóxica, o proceso de comercialización e márketing de produtos e as axudas ás que se poden optar a través da Consellería de Medio Rural. A actividade será impartida por técnicos da asociación para o desenvolvemento da produción ecolóxica DeproECO e está financiada polo Ministerio de Agricultura, a Xunta de Galicia e o Plan Feader da Unión Europea.