Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo emite un comunicado sobre o requerimento de documentación por parte do Xulgado de Lugo en relación con Aquagest

O Xulgado de Instrución nº 1 de Lugo, fixo un requirimento de documentación a este Concello en relación coa empresa Aquagest solicitando os expedientes da adxudicación da concesión dos servizos de subministración de auga e rede de sumidoiros, copias de todos os contratos, convenios, etc. mantidos ao longo do tempo con ela e así como calquera outro tipo de pagamento realizado a esa empresa.

Xa nese mesmo momento se deu orde aos funcionarios que recaben toda a documentación requirida que vai desde febreiro do ano 1998, data da adxudicación dos servizos municipais citados, até a actualidade para enviala a ese Xulgado, dando cumprimento estrito ao requirido nese oficio xudicial.

Como esta documentación abrangue un período moi longo, de máis de dezaseis anos, os técnicos municipais teñen localizado boa parte da documentación requirida, que será enviada inmediatamente, xunto cos listados contables de todos os pagamentos realizados.

Para o resto da documentación existente nos arquivos municipais e do que pide copia debe facerse unha busca manual, polo que aos técnicos municipais levaralles varios días localizar a totalidade da documentación, momento no cal será tamén inmediatamente enviada.

Coa fin de dar a máxima transparencia convocouse no día de hoxe á Xunta de Portavoces para que todos eles sexan coñecedores de primeira man deste requirimento.

Desde o Goberno Municipal e desde esta alcaldía queremos expresar o noso máximo interese en colaborar coa Xustiza actuando con transparencia e facilitando canta documentación se nos requira.

Ribadeo, 27 de novembro de 2014.

Exit mobile version