Buscaron os pronistas a meta burelista xa nos primeiros segundos intentando sorprender a Álex, pero o perigo chegou do lado burelista. Tras un balón longo do 13 laranxa a Matamoros e un saque de esquina que non conseguiu enganchar Antoñito, Mata abriu o marcador no minuto 2, aproveitando un córner de Isi. Incrementou o axexo o conxunto da Mariña sobre a portería de Óscar Iglesias. Iago Míguez, no minuto 3, Chano, no 7, e Antoñito, no 9, perdoaron demasiado, pero Isi plantouse no ecuador da primeira parte para poñer o 2-0 nunha recuperación que conseguiu finalizar a pase de Mata superando o gardameta lugués. Malia que o peso do encontro era local, o equipo visitante conseguiu recortar distancias no minuto 12, nun balón recolleito por Javi Río desde a banda, un dos xogadores pronistas máis ferintes. Pouco despois Óscar Iglesias conseguiu frear a embestida dos potentes disparos de Mata e Chano, pero non puido facer nada ante Antoñito, no minuto 15, que subiu o 3-1 desde saque de esquina de Isi. O conxunto de Albes seguiu pelexando pola remontada sen xerar apenas nerviosismo nas filas locais, a excepción do lanzamento de Manuel María, no 15, desde balón parado, que se estrelou contra o largueiro. A falta de 20 segundos para o descanso, Iago Míguez a punto estivo de subir o 4-1 nun disparo que se foi demasiado alto.
No segundo período, os pronistas quixeron complicarlle as cousas ao Burela FS. Malia que nos primeiros segundos o ataque local intentou sorprender a Óscar Iglesias, que conseguiu sacar o esférico axudado por Iago Rodríguez, despois o conxunto mariñán viuse obrigado a non perder a concentración en defensa con tripla tentativa de Antonio Diz en tan só dous minutos. O 9 de Lugo a punto estivo de sorprender a Álex tamén no minuto 25 tras un mal saque de porta do meta burelista que aproveitou Javi Río. Con todo, os de Juanlu enseguida recuperaron o control e o gol, cun gran contraataque de Isi que superou a Óscar Iglesias e perforou a rede para subir o 4-1.
Os visitantes apostaron pola remontada con xogo de cinco liderado por Álex Diz a falta de pouco máis de oito minutos para o descanso, pero non conseguiron alterar a solidez defensiva dos laranxas, que souberon aproveitar para ampliar a fenda no marcador. Despois do man a man entre Iago Míguez e Álex Diz enfundado na camiseta de porteiro xogador, Antoñito asinou o 5-1 a porta baleira no minuto 36 tras recuperación Matamoros fronte ao 10 lugués. Un minuto despois Matamoros fixo o propio para anotar o seu dorlete, co definitivo 6-1. Os visitantes asediaron ata a extenuación a área burelista nos últimos segundos ante un brillante Álex.
O Prone despediuse de Vista Alegre arroupado por varias decenas de afeccionados que non cesaron de animar o conxunto pronista, sumido nunha mala racha, sen puntos ata o momento.
Ficha técnica
Burela FS Pescados Rubén: Álex, Isi, Matamoros, Carlitos, Antoñito, cinco inicial; tamén xogaron Iago Míguez, Hélder, Chano
Prone Lugo AD: Óscar Iglesias, Iago Rodríguez, Antonio Diz, Álex Diz, Javi Río, cinco inicial; tamén xogaron Nacho Pedraza, Manuel María, Rubén Mouriz, Adrián
Goles: 1-0, minuto 2, Matamoros; 2-0, minuto 10, Isi; 2-1, minuto 13, Javi Río; 3-1 minuto 15, Antoñito; 4-1, minuto 27, Isi; 5-1, minuto 36, Antoñito; 6-1, minuto 37, Matamoros
Tarxetas: Por Burela FS amarela Iago Míguez (minuto 12). Por Prone amarela a Óscar Iglesias (minuto 6), Iago Rodríguez (minuto 19)
Árbitros: Rodrigo Miguel // Sánchez Molina
Incidencias: Partido correspondente á décima xornada de Primeira División LNFS disputado en Vista Alegre, con emisión en directo de TVG2. Arredor de 1200 espectadores.
*Foto: Marián García Mesa.