Site icon Crónica3.com A Mariña

O Engado da “parte contratante”

Os xornais da Mariña luguesa difundiron hai dúas semanas unha ampla información acerca dun feito histórico sen parangón: a compra da antiga Baleeira de Morás polo módico prezo de UN EURO. O vendedor resultaba ser Alcoa e os compradores nós, o pobo, a través do Concello de Xove.

Imaxinemos que con este ben inmoble en desuso (do que tanto lle custou desfacerse á multinacional do alumino á vista do elevado prezo da transacción) a Administración municipal tivera pensado xestionar a creación do «Conxunto Etnográfico da Baleeira de Morás». Imaxinemos por un intre que desde o Concello trataran de conservar, cando menos, a rampla de remonte das baleas. Asemade, botémoslle imaxinación tamén a que na proposta oficial para proceder á recuperación da zona como área etnográfica, os paneis informativos amosaran datos de interese xeral sobre este mamífero mariño como:

• O xeito no que as baleas eran subidas a terra cuns ganchos espetados no lombo do cetáceo.
• Ou a maneira na que os homes, calzados cuns zocos especiais con cravos, realizaban o esfolado e despece do animal.
• Tras o que procedían a separar o magro da graxa, recortando grandes anacos para levalos a fundir.
• E, finalmente, pasaban a carne do mamífero a unhas mesas altas ou mostradores onde as mulleres a triscaban e a envolvían cunha rede.
• Por último, conxelaban a carne e agardaban a chegada dos camións que transportaban a produción até Vigo, para a súa distribución desde o porto.

Continuade imaxinando que desde o Goberno municipal se fora promover a colaboración da veciñanza que traballou na súa mocidade na industria baleeira. Todo isto co obxectivo de facelos partícipes da creación do «Conxunto Etnográfico da Baleeira de Morás» a través da recompilación das súas proveitosas lembranzas.

Xa podedes deixar de imaxinar. A única idea que o Goberno local ten para a recuperación da zona é a creación dun “espazo verde” e un “parque”. E obvia falarmos da escuridade do acordo legal asinado con Alcoa, onde nun dos tres puntos dese contrato privado o comprador queda obrigado ao que segue: O Concello de Xove manifesta que coñece o uso que a empresa IBSA (Industrias Balleneras S.A.) e posteriormente Alúmina Española y Aluminio Español teñen dado a tales edificios e terreos, renunciando expresamente a reclamar a ditas empresas por contaminación de solos ou análogos, comprometéndose a indemnizar á parte vendedora por calquera gasto en que puidera incorrer derivado destes conceptos.
Tras a sinatura deste cheque en branco, sabendo que ninguén dá pesos a catro pesetas e que o prezo de compravenda foi fixado en UN EURO, o que nos queda claro é que “a parte contratante da primeira parte será considerada como a parte contratante da primeira parte”. Non si?

Marco López
Portavoz do BNG de Xove
15/11/2014

Exit mobile version