Site icon Crónica3.com A Mariña

O gordo e o fraco

Francisco Luís Rodríguez Guerreiro.- Reaparecen Lauren and Hardy, o gordo e o fraco. O gordo acabado de chegar do seu “bulgar” retiro dourado e o magro coma un avogado da silveira levándolle os papeis e ríndolle as grazas.

Volve o dúo e declaran que andan preocupados pola mala imaxe que se está a dar de Viveiro con toda esa andrómena de preitos urbanísticos. Levan razón. Viveiro vai de mal a peor. Todo desde que eles e os seus amigotes deixaron de protagonizar a película. Para imaxe boa, a que eles criaron. Viveiro xa non dá bos titulares de prensa. A Vila e arredores, abandonada hoxe polos ilustres padriños —como botamos de menos as visitas do Rato entrando, en panos menores, na Consistorial!—, xa sen o amparo do amigo Jaume Matas —lembran con que graza bendicía os terreos da Insua?—e desprovista per secula seculorum da tarxeta ouro Visa coa que mercar agasallos —uns centoliños por aquí, unhas langostiñas por alá —para ter contentos aos valedores.

Retornan os ghichos, coa cara compunxida, agora que rematou a bicoca das subvencións europeas e xa non poden montar granxas para engordaren peixe. Preséntanse con cara de non romper nunca un prato —o do Lodeiro sóalles a chino mandarín— e semella que a normativa urbanística herdárona do pérfido Pardo de Cela, alcalde que foi, como se sabe, un ferreño defensor das Normas Subsidiarias de Urbanismo.

Rexorden, insisto, e deixan nun segundo plano a todos os demais: ao alevín das “Nuevas Generaciones”— titulado que xa fixo prácticas como bolseiro en dúas organizacións políticas xuvenís— á nova xefa territorial de Educación— tamén é mala sorte comezar co pé cambiado o curso e o mandato— e mesmo ao Granados, outro Anxiño da Garda que tamén foi senador.

Resucitan o Gordo e o Fraco para nos presentar outra volta o “remake” da súa resesa película. E non se decatan —tan preocupados están pola mala imaxe de Viveiro que damos os outros— de que o seu filme xa non vende e que hoxe o que “mola” é o da chamada por rigoroso orde alfabético: co “A”, para o Gordo; co “B”, para o Bárcenas, co “C”, para o Crespo… Está xustificado o despiste pois agora un —o Gordo— exerce no estranxeiro como experto en Calderón de la Barca e o outro —o Fraco— no canto de ofrecer os seus servizos como asesor xurídico no desagradábel asunto do acercamento de presos da súa organización, está máis que ocupado en rirlle as grazas.

Francisco Luís Rodríguez Guerreiro

Exit mobile version