Santiago, 1 de novembro de 2014.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, explicou que unha das melloras a introducir no funcionamento futuro dos Grupos de Acción Costeira (GAC) pasa porque as axudas que estes outorgan financien dun xeito preferente a aqueles proxectos promovidos e dirixidos aos profesionais do mar.
Con este obxectivo, os populares galegos veñen de rexistrar unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia na que piden á Xunta que impulse e estableza as modificacións necesarias para, no novo período de actividade destes grupos, proporcionar unha maior intensidade de apoio dentro do propio sector marítimo-pesqueiro.
BALANCE DE ACCIÓN
Balseiro explicou que esta mesma proposta forma parte das conclusións e recomendacións ás que chegaron os propios integrantes do GAC nas súas distintas xornadas de traballo, logo de avaliar as posibles melloras a introducir neste ambicioso programa, de cara a conseguir un balance aínda máis positivo do que xa teñen acadado ata o de agora.
Balseiro explicou que os Grupos de Acción Costeira son unha ferramenta de participación do sector pesqueiro impulsada pola Consellería do Medio Rural e do Mar a través dun programa comunitario. Naceron coa finalidade de poñer en marcha o previsto no eixe 4 do Fondo Europeo de Pesca, máis en concreto, para estudar, impulsar e financiar proxectos que permitan fortalecer as zonas costeiras, estimular a innovación e diversificación dos profesionais do mar e outras medidas de apoio directo ou indirecto ao sector pesqueiro.
SETE GAC EN GALICIA
En Galicia, son sete os GAC constituídos, que se distribúen nas seguintes zonas de actuación: A Mariña-Ortegal, Golfo Ártabro, Costa da Morte, Seo de Fisterra-Ría Muros-Noia, Ría de Arousa, Ría de Pontevedra e Ría de Vigo-A Guarda. Contan coa implicación directa de máis de 330 entidades, entre elas un número importante de confrarías de pescadores, aínda que tamén representantes doutros ámbitos como o social, o económico ou o público.
Balseiro lembrou que a Consellería do Medio Rural e do Mar aprobou desde 2010 máis de 500 proxectos dos GAC por un importe que supera os 28 millóns de euros. Destes proxectos, 237 foron produtivos (orientación empresarial ou profesional) e 291 non produtivos (o elemento determinante destes proxectos é a súa rendibilidade social), entre eles, moitos dirixidos á apertura ou impulso de proxectos empresariais relacionados cos produtos do mar, o turismo ou a hostalaría, organización de xornadas, etc.
Agora, coa posta en marcha do novo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), os GAC volverán a contar con recursos dirixidos á dinamización social e cultural das zonas de pesca, xa que coinciden plenamente coas estratexias marcadas na programación destes novos fondos europeos.