Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio organiza, xunto con tres concellos, unha performance para visibilizar as mulleres asasinadas no Estado no que vai de ano

24 de novembro de 2014.- O vindeiro sábado 29 de novembro ás 17 : 30 horas celebrarase un acto simultáneo nos concellos de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro co que estes rematarán as actividades con motivo do día mundial conta a violencia de xénero.

Neste ano 2014, no que os feminicidios tiveron una especial relevancia na nosa Comarca, nos actos de condena que O Observatorio convocou, púidose constatar, entre outras, a necesidade que moitas mulleres e algúns homes teñen de expresar o seu rexeitamento participando en actos contra violencia machista.

Por esta razón este ano o Observatorio propúxolles aos concellos de Burela, Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro organizar, en colaboración cos CIM correspondentes, este acto reivindicativo, ao que finalmente o concello de Burela declinou a invitación.

A performance que se celebrará simultaneamente nos concellos citados, pretende dar un carácter de unidade necesaria da loita contra o machismo. Consistirá basicamente nunha actividade de teatro de rúa, na que participarán en cada vila máis de 40 mulleres dos grupos de teatro e de outras asociacións, que rematará coa lectura dun manifesto consensuado polas partes implicadas.

Os escenarios serán a praza do Concello de Mondoñedo, a do Cantón de Ribadeo e a Praza Maior de Viveiro. Nestes lugares desenvolverase o acto que contará co fondo musical que aportarán a Escola de música de Mondoñedo, o Conservatorio de Viveiro e a Escola de música e danza de Ribadeo.

Trátase, xa que logo, dunha actividade sin precedentes polo feito de realizarse simultaneamente en varias localidades e por programarse conxuntamente entre tres concellos, a través dos Centros de Información á Muller (CIM), e coa coordinación do Observatorio para darlle ese carácter unitario tan necesario na loita contra a violencia machista.

Exit mobile version