Site icon Crónica3.com A Mariña

O pleno urxente do Concello de Burela constata “a pésima xestión e a incapacidade do PP para gobernar”

Burela, 13 de novembro de 2014. No pleno urxente celebrado este mércores en Burela, puido constatarse a inoperancia do PP en materia económica, que se está vendo moi apurado para cadrar as contas antes de que remate o actual exercicio económico. A poucos meses das eleccións municipais, o PP
aínda non fixo os deberes e agora ten moita présa en iniciar obras para as que non había consignación orzamentaria.

Despois do pleno extraordinario da pasada semana no que o PP aprobaba unha
modificación de créditos por valor de 53.000 € para realizar obras que debía ter contempladas nos orzamentos deste ano, onte aprobaba ás présas un recoñecemento extraxudicial de créditos por valor de 62.000 € para pagar facturas para as que tampouco existía consignación orzamentaria.

En só dúas semanas, o Goberno Municipal do PP tivo que recorrer á modificación e recoñecemento extraxudicial de créditos por un total de 115.000 € para arranxar a última hora a súa falta de planificación en materia orzamentaria.

O BNG di que se puido ter evitado o refinanciamento da débeda se se fixesen as cousas correctamente
O refinanciamento do préstamo para o pagamento a provedores foi outro dos puntos aprobados en solitario polo PP. Para a formación nacionalista, esta medida puido terse evitado se se fixese unha boa xestión do diñeiro público e se os señores e señoras concelleiras do PP gobernasen para o interese xeral dos veciños e veciñas de Burela e non para agochar a súa incapacidade á fronte do Concello. Neste sentido, o portavoz municipal do BNG Mario Pillado, lembrou que o PP actuou irresponsabelmente cando en
xuño deste ano se modificaron as condicións do préstamo. “Naquela altura, o PP deixou escapar un aforro de 40.000 € para as arcas municipais, co fin único de ampliar un ano de carencia e adiar a amortización do préstamo ata despois das eleccións municipais de 2015.”

Pillado pon en dúbida que o novo préstamo supoña unha mellora real con respecto á rebaixa que se puido ter acadado en xuño se se optase pola opción máis vantaxosa e que reducía os tipos de xuro en 140 puntos básicos cun aforro total de 63.404 €. “Por outra banda, o refinanciamento da débede proposto polo PP vai manter vixente o Plan de Axuste e nese sentido non vai supór unha mellora da fiscalidade municipal da que se
podería beneficiar o conxunto dos veciños e veciñas”, engadiu Pillado.

O alcalde utiliza o pleno de xeito interesado para solucionar a última hora as chapuzas do PP á fronte do Goberno Municipal
O PP empéñase en demostrar que está incapacitado para xestionar o Concello e que goberna a golpe de improvisación e sen planificación algunha en materia económica. O BNG critica que o alcalde voltase convocar un pleno extraordinario pola vía de urxencia, só uns días despois do pleno extraoridanario urxente celebrado a pasada semana e a 15
días do pleno ordinario de novembro. Este xeito de proceder ven sendo habitual por parte do Sr. Barcia, que utiliza o pleno do Concello ao seu antollo e de xeito claramente interesado, para solucionar a última hora a falta de planificación e as chapuzas do PP á fronte do Goberno Municipal.

O portavoz do BNG no Concello, Mario Pillado, lamentou a utilización que está a fazer o Sr. Barcia do pleno e criticou a “práctica habitual de convocar plenos extraordinarios de forma urxente, limitando o traballo dos grupos políticos da oposición e dificultando a análise seria e rigorosa dos asuntos tratados e que afectan ao conxunto dos veciños e
veciñas de Burela.”

Exit mobile version