Site icon Crónica3.com A Mariña

“O PP rexeita o acordo que lle ofrece o BNG en Burela antepoñendo intereses partidistas á loita contra a violencia de xénero”

Os plenos do concello de Burela estanse convertendo nun bucle no que o alcalde da as costas ó veciños, sobre todo, ós que mais sofren, mentres o BNG tenta construír futuro para a vila do lado das persoas máis desfavorecidas. Chama a atención que a orde do día estivese totalmente baleira de contido cando neste mesmo mes e en semanas consecutivas se celebraron plenos extraordinarios e urxentes pola extraordinaria falla de previsión e total improvisación do equipo de goberno á hora de elaborar os orzamentos municipais para 2014. A concesión gratuíta dun local para a fundación Eu son, a aprobación da ordenanza reguladora para a accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas na vila, a modificación dos estatutos da mancomunidade de concellos da Mariña e demais trámites administrativos foron o contido a debater no pleno antes do apartado de mocións. Así se describe a falta de iniciativa do goberno municipal.

Pero o peor foi iso, posto que no debate das mocións o equipo de goberno, co alcalde á cabeza, demostraron unha vez mais a falta de sensibilidade e de proximidade cos burelaos. Primeiro comezaron pedindo a reprobación dun parlamentar socialista por declaracións feitas nunha comisión da cámara galega, un tema que os veciños de Burela lles importa bastante menos que os cartos que dedican tanto Xunta como Goberno central á vila nos seus respectivos orzamentos. Para o portavoz nacionalista, Mario Pillado “o abandono das institucións coa Mariña e con Burela é histórico, non é deste ano; o BNG denunciouno sempre e tentouno solucionar con emendas, como as deste ano que piden 12 millóns para a comarca, entre elas unha enmenda para o dragado do encoro de Rúa e outra para a ampliación e mellora da EDAR, obras fundamentais para Burela e nas que a Xunta non consignou un só céntimo”. Para o BNG de Burela discútense os feitos e non as palabras por iso non entran a reprobar a rivais políticos e menos a proposta do Partido Popular. “O partido da corrupción, da operación Zeta, da Compostela dos tres alcaldes, das ministras que non ven deportivos no seu garaxe, non está para reprobar a ninguén” espetou o voceiro do BNG.

No debate sobre as mocións sobre a loita contra a violencia de xénero, que se fixo conxuntamente da presentada polo PP e a levada polo BNG, cando todo parecía moi sinxelo para chegar a un acordo que englobase ámbalas iniciativas, como o concelleiro do Bloque lle ofreceu ós populares, estes rexeitaron o acordo de forma inexplicable, comandados polo señor González Barcia, que tras tomar a decisión unilateralmente, aludiu ós intereses de partido para non chegar a un acordo. “Semella unha falla de respecto para as vítimas desta lacra que alguén se atreva a antepoñer o seu propio beneficio político á loita contra este tipo de violencia, representando unha decepción moi grande que ademais rexeitaran coa súa maioría a moción que nós presentamos, tendo en conta que o noso voto foi favorable á súa moción, incondicionalmente e porque o BNG é coherente e está do lado das mulleres maltratadas o propoña quen o propoña”. Cabe destacar que mentres a moción dos populares se limitaba á creación e dinamización de mesas locais de coordinación contra a violencia de xénero, a presentada polos nacionalistas era obxectivamente moito mais completa, pedindo a dotación economicamente as políticas e as medidas que se levan a cabo, posto que semella necesario poñer cartos enriba da mesa, posto que neste caso tamén é unha cuestión de cartos; loitando contra os micromachismos, apoiando o asociacionismo vinculado a este ámbito e pedindo responsabilidades políticas para os cargos que fagan declaración que vulneren os dereitos das mulleres, entre outras medidas.

O PP tira balóns fora no tema do “protocolo do xeonllo”, mentres que as empresas privadas saen beneficiadas á costa do conxunto dos galegos e galegas
Na última das mocións debatidas, moi habilmente presentada polo PSOE aproveitándose do traballo doutros, debatíase acerca do coñecido como protocolo de xeonllo, que prioriza que os doentes que precisan unha Resonancia Nuclear Magnética (RNM) acudan á sanidade privada mentres pon trabas para que o fagan no servizo público. “Os xestores públicos non só facilitan o traballo para a clínica privada senón que lle están a facer un servizo a esas empresas coa axenda na que inclúen ós que escollen ir a Lugo, mentres que para os que escollen ser tratados no Hospital da Costas todo son problemas e xa se lles comunica que van ter que esperar” resaltou Pillado. De novo a Xunta mediante o SERGAS pon os medios públicos para o usufruto do sector privado con cargo a tódolos galegos.

Por último e como resumo, destacar que o González Barcia unicamente é capaz de aludir á Deputación de Lugo e ó Goberno Bipartito como se fosen culpables da delicada situación que atravesan tódolos burelaos, e acompañado polo seu equipo segue de costas ó veciños, nesta ocasión as mulleres vítimas de violencia machista, mentres o BNG mantén a súa coherencia para apoiar iniciativas contra esta lacra sen importarlle a cor política de quen as presenta, quedando ben claro que é a única alternativa para o Concello de Burela.

Exit mobile version