Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente representa e traballa todos os días polos lucenses, dentro e fóra das dependencias provinciais

A Deputación de Lugo subliñou que o Presidente representa e traballa todos os días polos lucenses, dentro e fóra das dependencias provinciais. Gomez Besteiro “nunca falta ao seu traballo”, subliñou o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, pois os venres, ademais da ordinaria Xunta de Goberno, tamén teñen lugar outras convocatorias de relevancia e interese para a provincia no mesmo horario”, algo que se pode comprobar na axenda institucional de actos colgada na páxina web da institución luguesa, www.deputacionlugo.gal.

Foi o caso do pasado venres, cando o Presidente “denunciou o despropósito e discriminación á provincia” que supón a falta de Radioterapia no HULA facendo a ruta do cancro con veciños que se vén na obriga de viaxar á Coruña para recibir o tratamento, posto que a Xunta segue sen dotar a Lugo deste servizo, a pesar do compromiso de Feijóo hai xa case catro anos. Outros exemplos foron a negociación e sinatura do convenio co Valedor do Pobo e a Deputación de Ourense para impulsar a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade –os venres 14 de febreiro e 18 de xullo, respectivamente- ou a sinatura do convenio do Programa Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural (PEIM) coa conselleira do Medio Rural, o venres 17 de outubro.

Ademais, o Goberno provincial conta cun Vicepresidente e unha Vicepresidenta, que, na súa ausencia, cumpren o papel do Presidente nas Xuntas de Goberno, polo que o funcionamento deste órgano e da propia Deputación non se ve alterado absolutamente para nada.

Este compromiso permanente de Besteiro cos veciños contrasta co do Partido Popular, “que quere tapar as súas propias vergoñas, pois na Deputación temos documentado as numerosas ausencias inxustificadas dos Deputados do PP, tanto en mesas de contratación, como nos Consellos de Administración de SUPLUSA, reunións do padroado da Fundación TIC ou do Consello do INLUDES -cando existía-. Iso si, cunha diferenza, o PP, cunha dedicación exclusiva e catro parciais, nunca ten substituto, é dicir o seu posto queda vacante nestes órganos institucionais, polo que o seu papel non o cumpre ninguén”, recalcou Martínez.

Exit mobile version