Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE comprométese con Alcoa pedir ao Goberno e á Xunta un marco estable que permita a continuidade da produción da factoría

CERVO, 28 DE NOVEMBRO DE 2014.- Os deputados autonómico e provincial –Juan Carlos González Santín e Lara Méndez-, o senador por Lugo –Ricardo Varela- mantiveron este venres unha xuntanza co presidente do Comité de Empresa de Alcoa –José Luis Combarro- e outros integrantes do mesmo, na que acordaron pedir ao Goberno e á Xunta de Galicia un marco regulador estable que asegure a continuidade da produción desta factoría, de tal xeito que se compense a perda de retribución por baixar o seu consumo eléctrico e así evitar un posible peche da entidade.

Deste xeito, na xuntanza, os socialistas amosaron a súa preocupación pola “grave situación” que atravesa a factoría, pois representa un dos principais motores económicos non só da comarca, senón tamén da provincia e incluso de Galicia, adquirindo compromisos concretos, pois, tal e como subliñou o secretario Provincial, “a administración do Estado ten a obriga de dar unha solución inmediata e urxente, pois esta situación de incertidume está derivada dunha fórmula creada polo Ministerio para esta poxa, que loxicamente non cubriu as necesidades da empresa”. Neste senso, na súa opinión, indicou que “é o momento de establecer un marco xeral para que as empresas e as multinacionais que se asentan na provincia e en Galicia teñen un percorrido onde poidan establecer a súas estratexias en base a un marco normalizado con relación á enerxía”.

E é que Alcoa, destacou o presidente do Comité de Empresa, “é unha das grandes consumidoras, polo que a enerxía suponlle unha porcentaxe moi elevada do custo total do proceso de produción de aluminio”. Asimesmo, indicou que a poxa do Goberno “é un parche que non nos convence, pois dentro dun ano volveremos a estar falando do mesmo”. “Así llo manifestamos, engade, hai un días ao presidente de Primario Europa. Cremos que precisamos outros investimentos importantes para facilitar a continuidade da nosa fábrica, pois se non temos unha enerxía a un prezo competitivo e uns contratos un pouco máis longos, non vai haber máis inversións. Aquí en Cervo, o que se está a facer son pequenas actuacións para manter as instalacións, pero que son insuficientes”.

Por iso, o que proporán os socialistas na Cámara galega, no Congreso e no Senado é que, en primeiro lugar, se resolva a urxencia do momento actual que sofre a planta de Cervo e, logo, que o Estado estableza unha fórmula para que todas estas grandes factorías accedan ao mercado da enerxía “nunhas condicións razoables e que estean en relación con outros países da Unión Europea”. Así o manifestou o secretario Provincial, quen suliñou que “estamos diante dun feito terriblemente grave, e que implica o risco de desaparición da empresa con todos os empregos directos e indirectos que elo conleva”.

Manter a competitividade e o emprego
A evolución dos custos regulados do mercado eléctrico nos derradeiros meses ten superado as previsións feitas polo Goberno e, os mecanismos de compensación, acaban afectando unha vez máis aos consumidores de enerxía, tanto aos domésticos, como aos industriais. Aínda que neste último, non se teñen producido desviacións no custo de servizo de interrumpibilidade, o deseño cuestionable das poxas produce a veces resultados inesperados, que poden poñer en risco a viabilidade de determinadas empresas intensivas no consumo de enerxía. Concretamente, a empresa produtora de aluminio Alcoa, con dúas plantas en Galicia, San Cibrao (Cervo) e A Coruña pode afrontar unha situación difícil logo de no obter as bonificacións ao consumo que solicitaba no concurso eléctrica da pasada semana, pois “están en xogo” 2.200 postos de traballo comprometidos na Comunidade: 1.200 directos e outros 600 auxiliares na Mariña, e 400 máis en Coruña.

Por este motivo, defendeu Santín, “o Goberno está obrigado a abordar o problema das empresas cun gran consumo de enerxía á hora de atopar solucións para estas situacións de incerteza recorrentes. Lamentablemente, a súa política, como en outros moitos casos de graves problemas empresariais na Comunidade, é actuar ex-post, cando as situacións xa non permiten solucións acaídas”.

Poxa insatisfactoria
A venda celebrada a semana pasada por REE puxo no mercado nove bloques de 90 MW interrumpibles e 238 paquetes de 5 MW. O obxectivo deste novo sistema de asignación era abaratar o custo, empregando para elo o mesmo modelo que se usa nas lonxas do pescado. A partir do prezo de saída, e mediante poxas presenciais, o importe vai baixando en cada ronda a un prezo previamente establecido. A prestación do servizo asígnase ao último competidor que queda na poxa sen retirarse e, por tanto, está disposto a prestalo ao prezo máis baixo. Isto fixo que o valor económico dos bloques de 90 baixase dos 350.000 euros por megawatio e ano fixados de saída aos 300.000 finais. No caso dos paquetes de 5 MW, pasouse dun prezo inicial de 260.000 euros por MW a só 100.000 euros. Deste xeito, cos megawatios captados para interrumpibilidade, o Goberno gastará o próximo ano uns 350 millóns de euros neste concepto, fronte aos 550 do exercicio en curso.

Neste proceso, Alcoa só obtivo tres dos catro bloques de 90 megawatios que solicitara para a súa factoría en Cervo, e ningún dos solicitados para a coruñesa. Isto provoca que a entidade non vai obter os servizos de interrumpibilidade suficientes que posibilitan a esta compañía e a grandes consumidores de electricidade obter a enerxía que consumen a prezos máis reducidos, pois, ata o de agora, a enerxía supoñía o 35% dos custos da compañía pero, sen as retribucións pola interrumpibilidade, a factura aumentará considerablemente e deixará á empresa fóra do mercado a nivel mundial.

Precisamente, esta circunstancia é a que evidencia a necesidade de que as empresas dispoñan de electricidade a un prezo que lles permita manter a competitividade nos seus produtos e, polo tanto, o emprego; todo o contrario do que está a facer o Executivo estatal. E é que, “a incerteza regulatoria que caracteriza a política enerxética dos Gobernos do Partido Popular non permite establecer estratexias de inversión e produción a medio prazo e, loxicamente, a creación de postos de traballo, o principal problema do país, non atopa solución”, concluiron.

Exit mobile version