Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Burela pide a anulación ou modificación do Protocolo de Xeonllo enviado e imposto polo EOXI

Alfredo Llano García, como portavoz e en nome do Grupo Municipal Socialista presenta a seguinte moción para a súa inclusión na orde do día do pleno do 27 de novembro de 2014, para o seu debate e aprobación, a favor de modificar ou anular o “Protocolo do Xeonllo” para garantir os dereitos na sanidade pública.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O desmantelamento da Sanidade Pública é evidente dende o mesmo momento en que o PP se fixo co goberno da Xunta. Á perda da Área Integrada propia da Mariña, de servizos sanitarios, de persoal facultativo (Cervo, Xove, Ribadeo, Riotorto e Hospital da Costa), persoal técnico e administrativo, repagos, perda de dereito universal por un modelo de aseguramento, etc. hai que engadir a progresiva substitución da sanidade pública en favor da sanidade privada que os responsables do PP exercen de forma natural como queda demostrado na última comunicación que o EOXI de Lugo, Cervo e Monforte enviou o persoal administrativo dos centros de saúde da Mariña respecto o “Protocolo do Xeonllo” onde deberán ofertar o servizo no POLUSA, comunicando unha atención máis rápida que no Hospital da Costa e tramitar as citas para o centro privado.

Este protocolo deixa claro que se debe dar un unha preferencia ó centro privado para a realización das probas de resonancia magnética e obriga a comunicar aos doentes que precisen deste servizo, por afectacións nos xeonllos, a atención programada e prioritaria no POLUSA todos os xoves. Si o doente elixe facer estas mesmas probas no Hospital da Costa a prioridade do servizo será ordinario.

Con este protocolo queda demostrado un novo exemplo de privatización, e para máis inri usando ao propio persoal da sanidade pública para tramitar citas na sanidade privada, tamén se derivan a esta fondos públicos mentres se deixa que o servizo da pública sexa máis deficiente. Deste xeito o SERGAS a través do EOXI (xestión integrada) obriga a desprazarse moitos quilómetros a doentes da Mariña o mesmo tempo que favorece á sanidade privada. O Hospital da Costa queda como alternativa de “banquillo”.

O protocolo esta por escrito e enviado aos centro de saúde, pero tamén se fixeron reunións onde se deron instrucións orais o persoal administrativo onde se dirá que as previsións de atención será entre 15 e 30 días no POLUSA, mentres que no Hospital da Costa a tramitación das mesmas probas de resonancia magnética prográmanse con prioridade ordinaria e seguindo un protocolo que alonga os tempos de agarda.

No Hospital da Costa as resonancias magnéticas fanse empregando un equipo móbil. Esta situación provoca listas de agarda que non sempre son coñecidas. As probas de resonancia magnética son de moita importancia para o servizo de traumatoloxía que en Burela conta con grande demanda o que implica maior lista de agarda oficiais e encubertas, tanto en primeiras consultas como en intervencións cirúrxicas.
Hai que lembrar, sen facer moito caso, que o PP anunciou varias veces un equipo estable de resonancia magnética.

Por iso, o Grupo Municipal Socialista do Concello de Burela presenta para a súa consideración e aceptación polo Pleno Municipal os seguintes ACORDOS:

1.- Anular ou modificar o Protocolo de Xeonllo enviado e imposto polo EOXI.

2.- Iniciar os trámites necesarios para a instalación dun equipo estable de resonancia magnética no Hospital da Costa.

3.- Instar o SERGAS a ofrecer un servizo sanitario público de calidade, gratuíto e universal que garanta a asistencia sanitaria por riba dos intereses privados e que no Hospital da Costa os doentes da Mariña poidan ter a opción, en todos os servizos, de atención preferente cando o precisen.

Exit mobile version