Os socialistas acordaron levar este asunto á Cámara galega, durante unha reunión que mantiveron, xunto coa Vicepresidenta Segunda da Deputación –Lara Méndez-, e con representantes do PSOE en Riotorto nas últimas horas. E é que, tal e como subliñan González Santín e Val Alonso, “xa é hora de que se poña freo ao desmantelamento que está a facer o SERGAS dos centros de saúde e da Sanidade da Mariña. Cremos que temos que estar cos veciños, pois foron eles os primeiros que deron a voz de alarma. Estivemos en Riotorto, pero non podemos esquecernos tampouco da situación que se está a vivir en Mondoñedo. Seremos os voceiros dos cidadáns e pediremos que se lles dea un trato xusto, que non é outra cousa que garantirlles un dereito básico”, afirma González Santín.
No caso concreto da situación do centro mindoniense, o pasado mes de setembro un grupo de nais reclamou un pediatra para o centro de saúde, xa que a que había está de baixa. Ante esta situación, Sanidade optou por reemprazar a esta sanitaria por un médico de Medicina Xeral con consulta dúas veces á semana; unha decisión que, en palabras dos socialistas, foi “un parche”, pois o que demandan as familias é un especialista que estea en activo polo menos catro veces a semana.
Precisamente, a falla deste facultativo está a preocupar moito aos pais, xa que se aproxima o inverno; a época na que os nenos padecen máis enfermidades. Por este motivo, e en aras de acadar unha solución, os proxenitores mantiveron recentemente unha xuntanza coa xerencia do HULA, onde se lles comunicou que un médico de familia atendería aos seus fillos dous días á semana (martes e xoves) no centro médico de Mondoñedo; e un día (mércores) no de Lourenzá; unha alternativa que non convence ás familias e que motiva a proposta que presentarán os deputados autonómicos na Cámara galega.
“A pantomima” da Xunta
E é que, para os representantes do PSOE, a falla de facultativos nestes centros de saúde, non é máis que outra consecuencia dos continuos recortes dos Gobernos do Partido Popular. “Están a sacrificar a saúde das persoas e, dende logo, nós si que actuaremos en consecuencia. Agardamos que os deputados do PP fagan o mesmo, xa que, do contrario, quedaría en entredito, por exemplo, a responsabilidade do Sr. Balseiro”, destaca Val.
A este respecto, destacan que a falla de profesionais sanitarios e o empeoramento da calidade asistencial no sistema sanitario mariñano, vén a demostrar que “non faltamos á verdade cando en días pasados dixemos que os Orzamentos da Xunta de 2015 eran unha pantomima e unha nova burla aos cidadáns, e que marcaban a folla de ruta dun Goberno que continúa sen ter previsións para a comarca”. É dicir, “non só nos temos que conformar que con que o Hospital vai seguir segundo un centro hospitalario pequeno, que non chega para atender ás necesidades da poboación, senón que tamén están a desmantelar os centros de saúde”. En definitiva, subraia Val Alonso, o que está a facer a Xunta é “certificar que a visita realizada hai poucos días polo presidente da Xunta da man de Balseiro, non foi máis que unha farsa e un querer saír na foto”.