Site icon Crónica3.com A Mariña

Os actos en conmemoración do Día contra a violencia de xénero continúan o sábado cunha performance

O Concello de Viveiro, organizou este martes 25 de novembro varios actos con motivo do Día Internacional contra a violencia de xénero.

-Convocatoria ante as portas da Casa do Concello para gardar 5 minutos de silencio e a lectura dun manifesto por parte da concelleira de Facenda, Muller, Educación e Emigración, contra a violencia de xénero.

– Elaboración do I Plan de Igualdade de Oportunidades para un centro educativo (PIOCE) en colaboración co alumnado de 4º da ESO do IES María Sarmiento de Viveiro. Unha vez rematado o Plan, contra finais da semana, levarase a cabo unha presentación do documento pioneiro, no que se analiza a realidade do centro educativo e se propoñen actuacións para a consecución dunha real e verdadeira igualdade de oportunidades e a prevención contra a violencia de xénero, sobre todo entre a xuventude.

E o sábado 29 de novembro levarase a cabo unha performance ás 17.30 horas na Praza Maior na que se escenificará unha representación das mulleres vítimas de violencia de xénero e que contará coa participación de tres grupos de teatro locais (Pequenos Pasos de Landrove, Andanzas de Viveiro e Espazo Crea de Viveiro), así como de varias asociacións de mulleres do concello. A ambientación musical correrá a cargo dun grupo de gaitas do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro dirixido por David Bellas. Posteriormenete, levarase a cabo a lectura dun manifesto contra a violencia de xénero.

Este acto conmemorativo organízase en colaboración co Observatorio da Mariña pola Igualdade que vai coordinar a celebración do mesmo acto en diversos concellos da Mariña lucense (Viveiro, Ribadeo e Mondoñedo) nos que existen Centros de Información ás Mulleres, escenificando así a visibilización da unión e sensibilización contra a violencia de xénero.

Exit mobile version