Site icon Crónica3.com A Mariña

Os concelleiros independentes de Foz esixen que se faga cumprir a rebaixa do gravame do IBI aprobada en Pleno

Os concelleiros independentes de Foz esixen que se faga cumprir a moción aprobada no Pleno deste xoves onde se solicitaba a rebaixa do gravame do IBI.

No pleno deste pasado xoves foi aprobada a moción presentada por este grupo co voto a favor de toda a oposición e a abstención do Partido Popular onde solicitábamos a rebaixa do 0,66 ó 0,56 no gravame do Imposto de Bens Inmobles, e onde se incluíu unha emenda presentada polo BNG pedíndolle ao Concello facer bonificacións para as persoas con escasos recursos ou que non dispoñan de ingresos suficientes para facer fronte ó pago.

Criticamos así ó Equipo do Goberno do Partido Popular por mostrarse en contra da moción en todo momento, nestes intres tan difíciles para moitas familias ao querer subir os impostos deste xeito cando os soldos e as pensións lonxe de subir baixan. Queremos deixar constancia tamén de que o propio alcalde recoñeceu neste pleno que foi el quen solicitou a revisión catastral, e facendo uso da súa demagoxia incluso chegou a dicir que os veciños lle comentaban que os impostos no Concello de Foz eran moi baixos, o que demostra unha vez máis que non está nin se lle espera.

Esiximos deste xeito, que se fagan tódolos posibles trámites canto antes para que dea tempo a rebaixar o IBI para o próximo ano, e facer cumprir os acordos plenarios.

Exit mobile version