Site icon Crónica3.com A Mariña

Os concelleiros non adscritos do Concello de Foz solicitan a reposición dos atrís informativos ó longo da costa

Ramón Sixto defenderá no pleno deste xoves unha moción presentada polos catro concelleiros independentes, onde se lle solicita ao Departamento de Costas e Medio Ambiente que se repoñan e rematen de colocar os atrís que contiñan importante información de flora, fauna, praias, lugares, etc. etc. que estaban colocados ao longo da costa do noso Concello, dende a praia da Rapadoira ata a praia da Pampillosa, que se atopan en algúns casos en moi mal estado e en outros casos foron arrancados e desaparecidos.

Así mesmo existen lugares que foron rehabilitados que non se chegou a colocar esta información, como por exemplo a Obra Pía de Fazouro ou a Ruta do Río Ouro. Outro caso visible e que foi demolido recentemente é o antigo deposito da area á carón da praia da Pampillosa, onde existía un atril informando do traballo que alí se facía antigamente e que a empresa que realizou os traballos de demolición non o volveu a deixar colocado.

Como sabemos que o traballo de recollida de información de toda a Costa do noso Concello está realizado, queremos que o Departamento de Costas o empregue e dote de atrís informativos non só aqueles lugares que xa dispoñían de dita información, se non tamén o resto de litoral que chega ata a praia da Areoura.

Isto ven sendo un exemplo máis que este Concello debería de coidar e procurar dar boa imaxe, pola importancia que ten o turismo na economía e desenrolo do noso pobo.

Exit mobile version