Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares acusan ó goberno do BNG en Ribadeo de “seguir a facer propaganda coas axudas sociais”

Este goberno do BNG de Ribadeo presume a cotío do seu carácter progresista e da atención social. Despois do Pleno celebrado onte comprobouse, unha vez máis, que o que fai moi ben o Sr. Suárez é facer propaganda.

No mes de xaneiro deste ano, o Alcalde, en declaracións posteriores ao pleno ordinario do día 23, escribía na web do concello, convertida no seu particular NO-DO, un artigo que titulaba “Ordenanzas sociais” e que rezaba literalmente “Segundo o alcalde, Fernando Suárez, ditas ordenanzas pretenden fomentar a xustiza e a igualdade e redistribuír a riqueza entre as familias que máis o precisan de Ribadeo”.

Xa vimos que o que se estaba a dar no 2013 “sen regulación” era unha axuda paupérrima nos momentos de necesidade que estaba a pasar a sociedade (só se gastaron 15.872,79 € dos 28.600 orzamentados). E a súa literaria promesa de mellora da situación coa aprobación das ordenanzas a principios deste ano quedou en papel mollado. A realidade é que, á data do informe de intervención (4 de novembro), na partida denominada “atencións benéficas e asistenciais” que inclúe as axudas reguladas naquelas ordenanzas, ademais dunha partida específica de 2.800 € de subvención para a Asociación de Axuda ao Pobo Saharauí, resta por gastar máis da metade do orzamento. É dicir, tanta publicidade en xaneiro, tanta xustiza social, tanto aprendiz de Robin Hood para nada.

Esta semana atopamos de novo os titulares anunciando a sesión plenaria ordinaria que remata o ano co mesmo bombo co que o empezabamos: os adalides da xustiza social anuncian modificación da ordenanza que regula as axudas de emerxencia social para que teñan cabida máis veciños. Pero, o que no papel pinta tan bonito, na realidade supón un incremento no límite máximo de renda mensual dun 10% do IPREM en cada tramo, é dicir, de 53,25 € ao mes. O Partido Popular non dá crédito a que os anuncios de abrir a man, que supoñen albiscar unha esperanza para familias que non entraban pero si que precisan axuda, consista en aumentar o marxe de ingresos pouco máis de 50€.

O dito, “moito ruído e poucas noces”.

No caso das axudas para sufragar as actividades do concello para os menores, o límite auméntase en 106,50 € por tramo polo que algo máis se notará a diferenza, pero segue a ser o paradigma da inxustiza porque, como xa denunciamos cando se aprobou a ordenanza, aquí o que entra leva todo e os demais quedan sen nada. No seu momento reclamamos que se establecera unha táboa de axudas progresivas por tramos de renda pero seguen sen atender esta demanda co cal as familias que entren dentro dos límites máximos de ingresos da ordenanza aboarán só o 10 % da actividade e o resto non terán axuda. Parécenos lóxico que sexan incluso gratuítas para os ingresos moi baixos pero por riba do IPREM pódese establecer unha gradación. Por exemplo, un neno nunha actividade de verán dunha familia monoparental (unidade familiar de 2 membros), antes recibiría a bonificación do 90% se os ingresos eran menos de 798,76 € ao mes e agora se son menos de 905,27 €. Ata este punto aplaudimos a mellora, cantos máis mellor, pero a paradoxa é que esta familia recibiría unha axuda de 135 € e outra no mesmo caso pero percibindo 906 € mensuais pagará a matrícula íntegra, os 150 €. Non nos parece xusto, cando non falamos de axudas de emerxencia senón de axudas sociais para actividades, que uns case non paguen e a outros non se lles axude nada. A nosa proposta segue a ser que a partir dunha situación familiar que os servizos sociais consideren aceptable, establecer axudas do 75%, o 50, o 25 ou nada en función do aumento dos ingresos; deste xeito axudaríase a máis familias. Certo é que os límites hai que poñelos en algunha cantidade pero é ben diferente que, se te pasas, en vez dun 60 % recibas un 30 a que, se te pasas, en vez dun 90 % non recibas nada. E non se trata dunha cuestión de diñeiro porque en ámbolos dous casos o gasto para o Concello é o mesmo.

AS MENTIRAS DA AXUDA NO FOGAR
De novo o Alcalde utiliza un tema tan sensible coma a Axuda no fogar para atacar á Xunta de Galicia deixando no aire unha falta de atención do ente autonómico a este colectivo tan necesitado e achacándolle incluso unha suba das tarifas para os usuarios. Nada ten todo isto de certo.

A modificación da ordenanza para a súa adaptación ao decreto da Xunta non é unha subida senón que introduce cambios na carta de servizos e no sistema de copagamento que, segundo o informe dos servizos sociais municipais na maioría dos casos deste concello (47 dos 71 que constan no documento) non supoñen diferenza ningunha na aportación dos usuarios ou supón unha suba mínima (en 19 casos menor de 3 €/mes) e, incluso, hai casos que baixa.

Polo tanto, o que fai o Alcalde é unha insinuación insidiosa non axustada á realidade co fin de meter medo e sacar vantaxe política.
O que si que é certo, e se esquece de mencionar o Sr. Suárez, é que a Deputación Provincial de Lugo é a única que segue a incumprir a lei e os concellos menores de 20.000 habitantes deben sufragar con fondos propios boa parte da axuda no fogar para os non dependentes, a diferenza do que ocorre no resto de Galicia.

Por máis voltas que no Pleno tentaron darlle aos números, a realidade das cousas é que, segundo informe da Intervención municipal que consta neste expediente, dun custo total do servizo de Axuda no fogar (para todos, dependentes valorados e libre concorrencia porque así consta, sen dividir) de 357.052,53€, a Xunta de Galicia aporta 186.816, a Deputación 21.575 e, despois de deducir o que abonan os usuarios, ao Concello correspóndelle pagar 91.813,13 € con fondos propios. Poden partilos como queiran, dividilos en anacos, multiplicalos por si mesmos…como mellor queiran cociñalos, pero, salvo erro no informe, o que achega cadaquén é o que é.

Azucena González Loredo
Concelleira do PP no Concello de Ribadeo

Exit mobile version