Dende o PSdeG-PSOE de Burela, como xa temos dito noutras ocasións, o equipo de “desgoberno” de Burela non deixa de sorprendernos, para mal. A última superou as nosas expectativas e non fai máis que confirmar que este equipo de “desgoberno” do Partido Popular de Burela é con moita diferenza o peor equipo de goberno que pasou polo Concello na súa historia.
Despois da actuación que xa denunciabamos publicamente aló por agosto de 2012 cando o Grupo de Intervención Rápida do Concello se presentaba nun incendio dun restaurante do pobo sen indumentaria contra incendios, sen auga no camión e sen os equipos de protección básicos; agora descubrimos que o camión contra incendios que se estivo a usar fai ben poucas datas en tarefas de control de lumes, e que ten saído a atender urxencias que se produciron na vila, está sen pasar a Inspección Técnica de Vehículos (ITV) dende o 14 de xuño de 2013. Isto provoca que nos dea vergoña allea ter un equipo de “desgoberno” que demostra unha vez detrás doutra que non é capaz de xestionar as cousas máis básicas do Concello.
Como pode ser posible que un alcalde poña en risco ós traballadores e traballadoras de semellante maneira? É evidente que o Sr. Barcia lle terá que dar unha explicación ós veciños e veciñas de Burela ante un feito tan grave.
A raíz destes feitos e cumprindo coa nosa obriga como oposición, descubrimos outros feitos que merecen ser explicados dende este equipo de “desgoberno”, por exemplo:
– Onde se garda o camión contra incendios do Concello de Burela?
– Canto lle custa ós veciños e veciñas de Burela gardar este camión que non está en regra para realizar as súas funcións?
– Quen é o responsable de conducir ese vehículo?
– Ten os permisos precisos para a condución dese vehículo?
Cabe recordar que ese camión contra incendios foi acadado polo anterior equipo de goberno, e sempre estivo preparado para poder traballar sen ningún tipo de problema e coa documentación en regra, como non pode ser de outra maneira. O dito, un desastre de xestión e un desastre de equipo de “desgoberno”. Isto non é máis que un reflexo do día a día no noso Concello.
Comisión Executiva PSdeG-PSOE Burela.