CERVO, 18 DE NOVEMBRO. Tralo anuncio de Portos de Galicia sobre o reforzamento da escollera de San Cibrao, os socialistas de Cervo sinalan que “o Partido Popular terá oportunidade a próxima semana de demostrar o que lle importa realmente o porto de Cervo, votando en contra ou a favor da emenda presentada polo Grupo Parlamentario Socialista para que se inclúa nos orzamentos do 2015 unha partida concreta para a construcción do porto deportivo que tantos anos levan prometendo”.
Dita emenda levarase a debate o vinderio martes e “o PP e o concelleiro e parlamentario, José Manuel Balseiro terán a opción de votar a favor, de votar a favor do porto deportivo e de votar a favor do compromiso que eles mesmos adquiriron xa hai anos”.
Neste senso, dende o Grupo Municipal Socialista lembran unha vez máis como “ésta é unha obra que levan anunciando dende os anos oitenta, pisaron o concello coa mesma noticia nos noventa, repetiron ese compromiso na década dos 2000, hai uns anos chegaron a amosar a tódolos veciños fotos virtuais e ata unha maqueta para saber cómo e onde se desenvolvería o proxecto e estamos no 2014 e segue sen haber nada”.
Ano tras ano veñen rexeitando as emendas do Grupo Parlamentario Socialista sobre a construcción desta obra tan importante para tódolos cervenses, “tanto o PP como o señor Balseiro, votaron sempre en contra e demostraron, a pesares das súas promesas, a pouca intención de levala adiante. Unha obra que contribuiría ó desenvolvemento económico e social do noso concello e que dinamizaría os nosos sectores básicos como o comercio, o turismo ou os servizos”.
Os socialistas piden por enésima vez que “cumpran dunha vez por todas co compromiso que adquiriron xa hai anos” e agardan que “saia adiante a nosa proposta, que se estude a maneira de solucionar definitivamente o asunto do noso porto e que deixen de seguir enganando ós veciños”.
Cumprir meramente coas obrigas
Dende o GMS rematan sinalando que “a visita do Presidente de Portos de Galicia xunto co equipo de goberno do PP, non é máis que unha tomadura de pelo para tódolos cervenses. Os traballos que nos prometen responden ás actuacións de conservación e mantemento ás que están obrigados, traerán unha rocas vendéndonos a solución como a gran panacea e o que realmente sucede é que chegan tarde xa que pasou case un ano dende que as adversidades climatolóxicas polas que atravesamos o pasado inverno destrozasen parte deste dique”.
Esperan que “esto non sexa outro anuncio publicitario ó que nos teñen máis que acostumados cando se acercan os comicios electorais e pedimos que, sobre todo, Balseiro traslade ós seus compañeiros de partido a necesidade de que o vindeiro martes apoien a proposta socialista para facer realidade a construcción do porto deportivo que nos prometeron”.