Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Cervo piden unha vez máis que se reforce o servizo de Policía Local xa que “existen prazas vacantes para poder facelo”

CERVO, 11 DE NOVEMBRO. A prensa facíase eco no día de onte dos centos de Concellos galegos que incumpren o mínimo legal de policías locais, “no Concello de Cervo si podíamos estar contando a día de hoxe cun efectivo mínimo de tres persoas como se plasma na Lei, pero a pesares de existir prazas vacantes para poder facelo, o equipo de goberno preferiu reducilo ó máximo e só temos traballando un policía e un auxiliar”.

De feito, os socialistas levan anos alertando desta situación, “xa no ano 2011 pedimos que se cubrisen as prazas vacantes, que se non mantíñamos este servizo e o coidábamos como deberamos, acabaríamos por perdelo”.

Agora é a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a que solicita verificar o cadro de persoal, “rexistrada a petición o día 30 de setembro, comprobamos que si están recontadas prazas vacantes. É hora de dar explicacións e grazas á deixadez e pasividade do noso alcalde, Alfonso Villares, correremos o risco de perder este servizo”.

Neste senso, lembran que “o empeño do equipo de goberno por desmantelar este servizo foi tal que dende que chegou o PP ó goberno pasamos de contar con 6 axentes a quedarnos cun só policía local e un auxiliar. Queremos que demostren con feitos que si lles importa a perda dun equipo coma este que compete á seguridade dos veciños”.

Para iso, dende o Grupo Municipal Socialista rogan que “cubran todas as prazas vacantes, reforcen o cadro de persoal da policía local e aposten dunha vez por todas por un servizo tan importante e relevante para o funcionamento cotiá do noso concello e a protección de tódolos cervenses”.

Insisten en que “se o perdemos, será case imposible volver a recuperalo. O señor Villares non se pode seguir esquecendo dos esforzos que se levan feito por conseguir este tipo de prestacións pero a inoperancia e falta de interese é a súa actitude habitual. Unha actitude que provoca a perda constante de servizos en tódolos ámbitos municipais e que vai desangrando constantemente o noso Concello sendo os únicos perxudicados, os veciños de Cervo”.

Exit mobile version