Site icon Crónica3.com A Mariña

Pedreira: “O BNG critica que o bombeo de auga custe 5.000 euros pero está de acordo en gastar 1,7 millóns para dragar o embalse de Rúa”

Cervo, 22 de novembro de 2014.- A edil de Facenda, Yolanda Pedreira, denunciou este sábado a “frivolidade” dos grupos do BNG de Cervo e Burela, que fan críticas sobre o abastecemento de auga en ambos concellos “sen ter nin un só dato”. Pedreira lamenta que “ningún dos grupos se puxo en contacto co Consorcio de Auga Cervo-Burela para pedir os gastos da xestión da auga potable nestes dous municipios.

“Nós si consultamos os datos, e cada un dos números fai caer unha por unha as mentiras dos nacionalistas”, engade. Pedreira explica que o custo de explotación anual do Consorcio é de 367.807 euros, dos cales só 12.933 euros (o 3,52%) é o gasto eléctrico anual do bombeo do embalse de Río Covo á Senra. “Ese mesmo bombeo que o BNG considera tan sumamente caro”, replica a edil, “mentres defende un gasto de 1.700.0000 euros para dragar o embalse de Rúa”.

Pero ademais, hai que ter en conta un dato moi importante, e é que o bombeo non só está funcionando cando ten que impulsar a auga, senón que tamén se activa periodicamente para o seu mantemento, xa que é un sistema que non pode estar parado moito tempo. Así, en realidade, o consumo eléctrico para bombear a auga é só duns 5.000 euros, e os 8.000 restantes son o consumo de mantemento, no cal non se pode aforrar.

Ademais, a edil explica que aínda que se dragase o embalse de Rúa, o bombeo de Río Covo tería que seguir funcionando, e seguiríanse gastando eses 8.000 euros ao ano en mantemento. Desta forma, “o BNG propón gastar 1.700.000 euros para aforrar 5.000”. Pedreira explica tamén que o embalse de Rúa ten unha capacidade de auga moi pequena e, por si mesmo, non serviría para asegurar o abastecemento de auga potable a Cervo e Burela.

En definitiva, “ao BNG non lle interesa a realidade, senón unha realidade inventada que vaia ben cos seus intereses”. Por iso se permiten dicir “todo tipo de mentiras sen dar un só dato”. Lamentablemente, “non é así como debe actuar un responsable político, e os voceiros do BNG demostraron unha falta de seriedade e rigor do que terán que dar conta ante os veciños”.

Exit mobile version