Site icon Crónica3.com A Mariña

Pérez Herraiz acusa á Ministra García Tejerina de “burlarse” dos gandeiros galegos e de “non atender ningunha das súas reivindicacións”

Madrid, 26 de novembro de 2014.- A deputada socialista por Lugo Margarita Pérez Herraiz pediulle este mércores nunha pregunta oral no Pleno á Ministra de Agricultura, García Tejerina, “que modifique o Decreto sobre o paquete lácteo antes do 31 de decembro e que teña en conta as reivindicacións do sector”.

Pérez Herraiz advertiulle a García Tejerina que “se o Goberno non modifica o Decreto do paquete lácteo antes de que acabe o ano, o momento de renovación de contratos coincidirá co de máxima produción e menor prezo, o que será moi perxudicial para os productores de leite”.

A deputada socialista recordou que a propia Ministra recoñeceu, cando tomou posesión do seu cargo, a necesidade de reformar o Decreto sobre o paquete lácteo. “Con todo -sinalou- quedan 4 meses para a desaparición do sistema de cotas e aínda non aprobou dita reforma”.

Así, criticou que “os nosos competidores europeos si o fixeron, o que é un motivo máis de desvantaxe para os produtores galegos e españois”. “Nos outros países -dixo- ademais de ser máis rápidos tomando decisións, teñen en conta a opinión e necesidades dos produtores, que son a parte máis importante da cadea, a que dá estabilidade á produción e que especialmente en Galicia é imprescindible para manter vida en territorios que se quedan sen xente”.

Por iso, pediulle ademais á Ministra de Agricultura “que na modificación do Decreto do paquete lácteo teña en conta as reivindicacións dos produtores”. Entre elas, Pérez Herraiz reclamou a necesidade de establecer como obrigatoria a figura do mediador, de garantir a recolleita do leite, de establecer a obrigación efectiva e sancionable de asinar contratos por 1 ano con causas obxectivas, de regular a figura de primeiro comprador, que o prezo teña referencia nalgún observatorio ou organismo oficial, que a distribución pertenza á interprofesional láctea, e a necesidade de negociación das organizacións de produtores coas industrias.

“O sector lácteo -sostivo a deputada socialista ante a Ministra- é especialmente importante en Galicia polo número de explotacións e pola súa produción, pero os produtores galegos non poden competir en igualdade de condicións cos europeos e sofren prezos baixos, ameaza de pago de supertaxa, contratos de duración inferior a un ano e explotacións sen contrato”.

“Modifiquen o Decreto sen esperar un día máis e cumpran coa súa obrigación de defender aos produtores españois, dos que son unha parte fundamental os galegos” -pediu Pérez Herrraiz.

Con todo, na súa resposta, a Ministra García Tejerina afirmou que “o Goberno recolle todas as peticións do sector”, así como que o Decreto modificarase e publicará no mes de xaneiro como -segundo a Ministra- “pediu o sector”.

Pérez Herráiz lamenta a “burla” da Ministra pois, indica que, “García Tejerina non se comprometeu este mércores na súa resposta a asumir nin unha soa das reivindicacións do sector que ten pendentes”. Ademais, remarca que “os produtores pediron a modificación do Decreto antes do 31 de decembro, non en xaneiro como di a Ministra”.

Así mesmo, a deputada socialista critica que “a Ministra engana ao soster que o Goberno Socialista apoiou unha taxa plana para o sistema de cotas”. Así, indica que “o Grupo Socialista pediu de forma reiterada ao Goberno que mostre un só documento que apoie esa afirmación e o Goberno non puido presentar ningún porque non o hai, simplemente é falso”. “O Goberno do PP só sabe culpar de todo ao anterior Goberno Socialista aínda que sexa non dicindo a verdade” -afirma.

Exit mobile version