Site icon Crónica3.com A Mariña

Pérez Herraiz advirte que as erróneas previsións do Ministerio sobre producción láctea poden provocar importantes perdas económicas ós gandeiros galegos

Madrid, 18 de novembro de 2014.- A deputada socialista por Lugo Margarita Pérez Herraiz advirte no Congreso, a través dunha iniciativa parlamentaria, que os datos sobre produción láctea manexados polo Ministerio e pola Comisión Europea “son absolutamente diferentes e ningunha das dúas informacións está suficientemente xustificada”.

Pérez Herraiz sinala que “segundo o Ministerio de Agricultura, a produción nos seis primeiros meses deste ano tivo un incremento do 6%”. Con todo, apunta que “segundo a Comisión Europea, a produción láctea en España seguiu unha tendencia contraria, cun descenso do 1,0% na primeira metade do ano”.

Ademais, a deputada socialista denuncia que “hai estudos que demostran que as previsións do Ministerio sobre produción láctea para a actual campaña non son correctas”.

Explica así, que o Ministerio fai unha extrapolación das entregas de leite dos meses abril-xuño 2014 ao total da campaña “sen ter en conta a estacionalidade da produción, nin que a produción das anteriores campañas nos trimestres xullo-setembro e outubro-decembro é menor, nin tampouco que en abril-xuño de 2014 houbo un incremento excepcional respecto do mesmo período do ano anterior”.

Dese modo, segundo os cálculos do Ministerio, un 60% dos gandeiros pasarían a cota asignada cunhas 250 mil toneladas e o sector tería que pagar unha supertaxa de 70 millóns de euros, o que -advirte Pérez Herraiz- “está xerando alarma entre os productores galegos”.

“A errónea información do Ministerio -critica- provoca que algúns gandeiros poden tomar decisións equivocadas nun mercado de cotas que en bastantes casos supera os 7 céntimos por litro, e que afectarían de forma importante á súa economía nun contexto ademais de redución do prezo do leite”.

Pérez Herraiz defende “a absoluta necesidade de ter datos fiables para que os gandeiros poidan tomar decisións acertadas e con certa rapidez nun sector de tanta sensibilidade e importancia, especialmente en Galicia”.

Por iso, coa inciativa parlamentaria que acaba de rexistrar no Congreso, a deputada socialista reclama “que o Ministerio de Agricultura cambie a metodoloxía para a elaboración dos seus estatísticas respecto ao sector lácteo” e pide así “que o Ministerio axuste mellor, con todos os parámetros dos que se pode dispoñer, a súa previsión de produción para a actual campaña”.

“O Goberno -afirma- debe actuar con responsabilidade e non ter aos gandeiros galegos “a cegas”, ou o que é peor, ofrecerlles unha información errónea que lles leve a adoptar decisións equivocadas, como xa fixo cos pensionistas emigrantes retornados”.

Exit mobile version