Site icon Crónica3.com A Mariña

Queixas e indignación de ACISA tralos cortes que sufriu o subministro eléctrico nas últimas horas en Ribadeo

Ribadeo, 5 de novembro de 2014. Indignación na Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo tras os cortes de luz que se produciron nas últimas horas no municipio e que ocasionaron avarías importantes a algúns establecementos asociados.

Dende a directiva sinalan que “é preocupante e indignante que coa primeira tormenta do outono en Ribadeo esteamos cos problemas de sempre, con continuos cortes de luz, con subas e baixadas de tensión, que o que fan é estragar un montón de aparatos eléctricos, ademais de obrigarnos a estar parados mentres a subministración non se recupera. En Acisa imos seguir denunciando esta situación sempre que se produza, porque queremos contar cun servizo acorde cos tempos que corren, é dicir co século XXI,”. Acisa engade que “onte daba pena ver clientes dos nosos establecementos esperando para poder aboar as súas compras ou as súas consumicións, porque non había subministración eléctrica e as caixas e os tpvs non funcionaban. Hostaleiros e comerciantes séntense impotentes e desprotexidos ante esta situación polas perdas que lles supón e pola pésima imaxe que se ofrece de Ribadeo”.

A directiva de Acisa recorda que “o ano pasado convocamos unha manifestación en outubro para denunciar esta problemática. Recollemos firmas durante varias semanas, que achegamos ao escrito presentado ante a Consellería de Industria o pasado mes de xaneiro denunciando esta situación. E a resposta da administración foi remitirnos o informe que lle enviou Begasa e no que a compañía sinalaba que os cortes na subministración eléctrica en Ribadeo se enmarcan dentro da normalidade e do que permite a lei. Non conformes con isto en abril volvemos presentar outro escrito ante a Consellería de Industria e de momento non se puxeron en contacto connosco”.

Acisa demanda unha vez máis “á Xunta, a través de Industria, que mírao pola prestación dun correcto servizo eléctrico en Ribadeo. É a administración autonómica a que ten que protexernos e a que debe garantir que Begasa ofreza unha subministración de calidade a un municipio tan importante como o noso, con máis de 10.000 habitantes, referencia comercial e hostaleira na Mariña e no Occidente Asturiano. Este martes houbo cortes de luz noutras zonas, pero non tan continuos e sangrantes como os de Ribadeo. Queremos unha solución xa”.

Exit mobile version